A Deputación de Lugo mellorará a estrada provincial LU-P-5806 no Concello do Saviñao

RibeiraSacraXa
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou que o orzamento desta actuación ascende ata os case 115.400 euros
Pilar-Porto-Deputacion-2023
12 Xul 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a licitación das obras de acondicionamento e mellora nun treito de algo máis de oito quilómetros na estrada provincial LU-P-5806, que vai dende a parroquia de Freán ata a vía autonómica LU-617, ao seu paso por Diomondi, no Concello do Saviñao.

A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou que o orzamento desta actuación ascende ata os case 115.400 euros e o prazo de execución do proxecto será de dous meses desde o inicio dos traballos.

García Porto destacou que “o tramo que se acondicionará vai desde o inicio da estrada ata o punto quilométrico 8,181 e as obras consistirán na reapertura de cunetas, na reparación de afundimentos e na repavimentación do firme”.

Así mesmo, a deputada sinalou a relevancia deste proxecto para a zona da Ribeira Sacra “porque esta vía dá acceso a importantes recursos turísticos como a contorna de Belesar ou ao antigo palacio episcopal de Diomondi, que se emprega como un albergue de peregrinos ao seu paso pola ruta xacobea do Camiño de Inverno”, valorou García Porto.

Con este novo investimento a Deputación continúa mellorando a rede de estradas provincial e, a modo de exemplo, Pilar García Porto mencionou as obras que se iniciaron esta mesma semana na LU-P-4202 e que contan cunha achega por parte da institución provincial de 80.000 euros.

0.201327085495