A Deputación de Lugo inviste en novas actuacións e melloras

AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Nos concellos de A Pontenova, Foz, Viveiro e Taboada para mellorar a calidade de vida da veciñanza
deputacion-Xunta-de-Goberno---Pablo-Rivera
8 Nov 2024

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres novos investimentos cos concellos da Pontenova, Taboada, Foz e Viveiro para desenvolver diferentes actuacións que contribúan a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas da provincia.

Por unha banda, a institución provincial achegará algo máis de 122.000 euros á Pontenova para desenvolver dous proxectos. O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, informou que “desta cantidade preto de 65.000 euros van destinados ao acondicionamento e creación dun novo anexo no único parque infantil deste municipio, situado na praza dos Fornos”. O proxecto inclúe a substitución do pavimento de caucho, así como os xogos deteriorados polo paso do tempo, o uso e a climatoloxía. Ademais, tamén está prevista a construción dunha cuberta de pizarra na que se instalarán canlóns de aluminio. “Coa posta en marcha deste espazo e o correspondente arranxo do parque actual continuamos mellorando e dotando de novos servizos ao rural da nosa provincia. Deste xeito, os nenos e nenas da Pontenova e tamén as súas familias poderán desfrutar dunhas instalacións de calidade, cómodas e seguras”, avanzou Pablo Rivera.

O acordo de colaboración tamén inclúe algo máis de 57.000 euros para realizar obras de acondicionamento e mellora en camiños municipais do núcleo de Souto de Mogos, situado na parroquia de Conforto. Esta actuación reforzará o firme existente mediante a pavimentación con aglomerado en quente “mellorando así a accesibilidade e a mobilidade da veciñanza da zona, na que tamén se atopan varias parcelas de uso agrícola que se verán directamente beneficiadas”.

Por outro lado, a Xunta de Goberno deste venres aprobou un convenio con Taboada de 105.000 euros para realizar as seguintes actuacións: 30.170 euros empregaranse para iniciar a reforma que converterá a antiga Casa Escola da Parroquia de Meixonfrío nun local social. Rivera Capón destacou que “con esta obra, na que se acondicionará de xeito integral toda a estrutura, damos resposta a unha demanda dos veciños e veciñas desta parroquia, que poderán desfrutar dun espazo de encontro onde realizar diferentes actividades”.

Os 75.000 euros restantes serán para acondicionar o Camiño das Neves, na parroquia de Meixonfrío, que dá acceso ás vivendas situadas no núcleo de Cadeiro ás, Zoas e ao vial que une os núcleos de Friamonde e Couso, en Mourelle. Ademais, tamén se van realizar melloras no camiño da Bouza a Maxal que dá acceso ás vivendas do núcleo de Faquios e A Casilla. Nos dous casos mellorarase o pavimento e procederase á limpeza de cunetas co fin de facilitar a circulación das augas.

O Concello de Foz recibirá unha achega de 105.000 euros para renovar o firme e realizar o repintado completo das rúas Alfonso X e Alfredo Brañas. Pablo Rivera sinalou que “esta actuación, que financiamos na súa totalidade desde a Deputación de Lugo, encaixa plenamente co modelo de Concello que se impulsa desde o Goberno local: un Foz moderno, seguro e pensado para o benestar da súa xente. Con esta iniciativa, non só melloramos a mobilidade e a seguridade viaria, senón que reforzamos o atractivo da vila para quen a visita, contribuíndo a dinamizar a vida social e económica do municipio”.

Por último, en materia de convenios aprobouse destinar ao Concello de Viveiro preto de 82.000 euros para colaborar coa montaxe do Belén Xigante. Rivera Capón fixo referencia a importancia desta iniciativa como “reclamo turístico na comarca mariñá, pois son máis de 25.000 as persoas que a visitan cada ano o que repercute de xeito directo na economía da zona”.

0.1964590549469