A Deputación de Lugo inicia as obras de mellora na ponte da LU-P-5006 entre Ribas de Sil e Quiroga

RibeiraSacraXa
Trátase dunha actuación moi importante porque esta ponte é empregada a diario pola veciñanza de San Clodio, a capitalidade de Ribas de Sil, e a vila de Quiroga
Obras-LU-P-5006-Ribas-de-Sil-e-Quiroga
23 Out 2024

A Deputación de Lugo vén de iniciar as obras de mellora na ponte que conecta os concellos de Ribas de Sil e Quiroga, na LU-P-5006.

Os traballos de conservación, nos que a institución provincial inviste preto de 40.000 euros, afectan a esta vía situada no límite municipal, que une as estradas autonómicas LU-933 e LU-651, salva o río Sil, e é fundamental para as comunicacións desta comarca.

Estas obras, que contan cun prazo de execución de dous meses, inclúen o fresado e reposición dunha zona con afundimentos, pavimentación da estrada completa, reparación e pintado da varanda metálica, substitución dunha luminaria, reparación estrutural das beirarrúas e sinalización co pintado das marcas viais.

Trátase dunha actuación moi importante porque esta ponte é empregada a diario pola veciñanza de San Clodio, a capitalidade de Ribas de Sil, e a vila de Quiroga, dando un servizo fundamental a un territorio no que se concentran preto de 4.000 persoas.

A proximidade entre estes núcleos de poboación, apenas 1,5 quilómetros, fai que ambas localidades compartan recursos e servizos.

Ademais, esta ponte dá servizo directo ao Centro de Interpretación da Minería Aurífera Romana (CIMAR), un recurso turístico de importancia na contorna.

0.18837594985962