A Deputación de Lugo impulsa con 60.000€ a proxección das empresas lucenses no exterior

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
A Deputación de Lugo e o CEL asinaron un convenio de colaboración de 60.000€ para potenciar a proxección exterior das empresas lucenses
31 Ago 2022

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Eduardo Valín, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta 60.000€ para potenciar a proxección exterior das empresas lucenses poñendo en marcha o proxecto denominado CEL Expansión 2022.

“Reforzamos moito o servizo de asesoramento en axudas e outros incentivos para mellorar a competitividade e posición das empresas fóra do país”, destacou o Presidente sobre a iniciativa, que enmarcou no diálogo e colaboración permanente que mantén a Deputación cos sectores produtivos para impulsar o seu desenvolvemento.

José Tomé apuntou que este proxecto responde á necesidade de mellorar as exportacións da provincia, que caen de xeito continuado desde o 2015, segundo reflicte o informe de Lugo en Cifras 2021, que elabora a propia CEL co apoio da Deputación. Esta publicación apunta que a provincia de Lugo exportou o ano pasado ao redor de 585 millóns de euros e importou case 725 millóns, o que deixa unha balanza comercial negativa co exterior por valor de preto de 140 millóns de euros. Segundo este informe, máis do 80% das transaccións no exterior segue a producirse cara países da Unión Europea, cando hai oportunidades en mercados como Xapón ou os Estados Unidos.

Entre as actividades previstas no proxecto CEL Expansión 2022 subvencionadas pola Deputación está habilitar un servizo específico, baixo o nome de Gabinete Impulso Ext, para apoiar ás empresas da provincia durante este ano fronte aos efectos do conflito en Ucraína. Este servizo facilitará información útil e actualizada sobre o impacto da guerra, asesoramento sobre axudas específicas ou datos sobre os mercados alternativos para as empresas exportadoras.

Ofreceranse tamén dúas formacións específicas sobre o mercado de Estados Unidos e Xapón. O primeiro é interesante para as empresas exportadoras da provincia porque presenta oportunidades en sectores como o vitivinícola ou o do produto gourmet; o segundo porque representa unha ocasión para as industrias de produtos feitos a man, enerxías renovables, servizos asistenciais, biotecnoloxía ou distribución e loxística.

0.20665812492371