A Deputación de Lugo e APEHL entregaron en Monforte os diplomas do obradoiro “A volta ao mundo en 40 viños”

RibeiraSacraXa
A iniciativa formou a unha trintena de persoas no sector vitivinícola
apehl-dep-lugo-diplomas-monforte
1 Dec 2025

Este luns tivo lugar no Centro do Viño de Monforte de Lemos a entrega de diplomas do obradoiro “A volta ao mundo en 40 viños”, no que participaron unha trintena de profesionais do sector vitivinícola e da hostalería. O curso, promovido pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo (APEHL) e impartido polo Instituto Galego do Viño, forma parte da colaboración económica que a Deputación de Lugo mantén coa APEHL para impulsar a promoción turística e gastronómica da provincia.

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou no acto xunto ao presidente da APEHL, Cheché Real, e o director do Instituto Galego do Viño, Xoán Cannas. O curso, que comezou o 17 de novembro e finalizará este martes, suma un total de 50 horas formativas nas que os asistentes profundaron en temas como enoloxía, análise sensorial e coñecemento de viños de España, Galicia e Europa.

Sobre esta iniciativa, García Porto destacou que “desde a Deputación de Lugo levamos anos defendendo un modelo de turismo non masificado, sostible, baseado en experiencias auténticas e poucos territorios representan mellor este enfoque que a Ribeira Sacra”.

A deputada subliñou tamén a importancia da comarca no contexto actual que dixo, “está moi preto dun momento que pode ser histórico”, referíndose á posible declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade en 2026. Un recoñecemento que segundo salientou, “traería novas oportunidades, máis visibilidade e tamén máis responsabilidade na forma de xestionar este territorio. Por iso, formacións coma esta son tan relevantes, danvos ferramentas, criterio e perspectiva nun momento clave para o futuro turístico da comarca e de toda a provincia”.

Con esta acción formativa, a Deputación e a APEHL apostan por dotar ao sector vitivinícola e hostaleiro dos coñecementos necesarios para aproveitar o potencial da Ribeira Sacra e consolidar un turismo máis sostible e de calidade na zona.

⚙ Configurar cookies
0.076168060302734