A Deputación de Lugo da luz verde a un acordo para impulsar o sector vitivinícola da provincia

A Deputación de Lugo vén de aprobar un acordo co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, para financiar un proxecto de dixitalización estratéxico para o sector vitivinícola da provincia. Desenvolverase ao longo de 2025, e ten dúas liñas de actuación fundamentais.
A primeira é a instalación dunha rede de 12 estacións meteorolóxicas portátiles, unha por cada concello lucense incluído na Denominación de Orixe, e que permitirá monitorizar en tempo real as condicións climáticas en cada zona de produción, ofrecendo datos clave para previr enfermidades da vide, planificar tratamentos ou reducir custos.
A segunda actuación céntrase na implantación dun sistema integral de xestión dixital da Denominación de Orixe, baseado no software ANAWIN. Trátase dunha ferramenta que permitirá automatizar e centralizar todos os procedementos administrativos e técnicos da D.O, como por exemplo rexistros, certificacións, rastrexabilidade, ou facturación. Ademais, incluirá a creación dunha oficina virtual para as adegas, que facilitará a tramitación en liña e incorporará entre algunhas ferramentas: unha app de cata dixital para táblets, un sistema de seguimento de saldos e movementos de viño ou a firma electrónica para documentos oficiais.
Pilar García Porto enmarcou este apoio na estratexia da Deputación de Lugo de apoiar ao sector primario, “xa que a promoción e modernización do sector vitivinícola contribúe non só á economía local, senón tamén á conservación do noso patrimonio cultural, natural e ao asentamento da poboación no medio rural”.