A Deputación de Lugo comeza co estendido de aglomerado na estrada provincial LU-P-4202

SarriaXa | RibeiraSacraXa
Os traballos que se van realizar obrigan a cortar o tráfico nesta vía que une Pacios, en Paradela, con Currelos, no Saviñao ata este sábado
lup3202-monforte-currelos
17 Xul 2024

A Deputación de Lugo comeza co estendido de aglomerado na estrada provincial LU-P-4202, que une Pacios, en Paradela, e Currelos, no Saviñao, por Aldosende. Os traballos que se van realizar obrigan a cortar o tráfico nesta vía ata este sábado, 20 de xullo, quedando habilitados desvíos alternativos correctamente sinalizados.

A institución provincial inviste nestas obras preto de 80.000 euros e os traballos consisten na mellora da drenaxe mediante a reapertura das cunetas, a súa limpeza e pavimentación nos puntos nos que sexa preciso; renovación do firme con aglomerado en quente, e renovación da sinalización mediante o pintado da vía con marcas reflexivas brancas e reposición da sinalización vertical.

O prazo de execución destas obras é de dous meses, pero a adxudicataria, FEVISA Vías y Obras SL, comprometeuse a rematalas en mes e medio desde o seu inicio.

Así mesmo, este treito da vía provincial á altura do lugar de Toexe dá servizo a diferentes rutas de sendeirismo, ao mosteiro de San Facundo de Ribas de Miño e ao antigo embarcadoiro. Ademais, permite o acceso da veciñanza ás viñas da Ribeira Sacra polo que se trata dunha actuación especialmente relevante para esta zona.

0.17570090293884