A Deputación de Lugo colaborará coa Feira de Oportunidades de Chantada

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este mércores na presentación da Feira de Oportunidades de Chantada que se celebra esta fin de semana coincidindo coa Feira do Viño. García Porto destacou na carpa preparada para a ocasión que a Deputación colabora cunha achega de 12.000€ con esta iniciativa que organiza a Asociación de Empresarios e o Centro Comercial Aberto CCA Ribeira Sacra.
“Colaboramos con esta cita chantadina que promove o comercio e serve como motor de dinamización económica, cultural e social para Chantada e para toda a comarca”, subliñou a Deputada, quen engadiu que a Feira de Oportunidades supón “un impulso ó comercio local, permitindo aos negocios do municipio dar saída ao seu stock e atraer novos clientes, fomentar o consumo de proximidade e dar visibilidade as tendas”.
Tamén destacou Pilar García Porto o que xerará de actividade na zona “atraendo visitantes de outros municipios próximos, incentiva tamén a hostalaría e outros sectores complementarios e reforza o sentimento de comunidade e colaboración entre os comerciantes”. Ademais argumentou que é “unha maneira de reivindicar o comercio local fronte ás grandes plataformas online”.
Esta cita, que chega á súa 16 edición, celebrarase este sábado e domingo na carpa que quedou instalada na avenida de Monforte da vila chantadina. Contará con 35 expositores de artesanía, moda, calzado e complementos, con produtos que se poderán adquirir a bo prezo.