A Deputación de Lugo colabora coa Asociación Cultural Rechouchíos de Taboada con 12.000 euros

RibeiraSacraXa
O diñeiro sevirá para apoiar a creación dun fondo de traxe tradicional galego, co obxectivo de "preservar e promover esta parte esencial da nosa identidade cultural"
Deputación-de-Lugo-e-asociación-Rechouchíos-Taboada
23 Xul 2024

O presidente da Deputación da Lugo, José Tomé Roca, vén de asinar un convenio de colaboración coa representante da asociación Cultural Rechouchíos, María del Carmen Vila Fontao, no Pazo de San Marcos.

Un acto no que tamén estivo presente o alcalde de Taboada, Roi Rigueira, e onde se evidenciou o compromiso da institución provincial de achegar 12.000 euros para apoiar a creación dun fondo de traxe tradicional galego, co obxectivo de "preservar e promover esta parte esencial da nosa identidade cultural".

José Tomé Roca subliñou que esta achega permitirá a confección das distintas pezas que compoñen o traxe rexional e dotar ao colectivo taboadés do equipamento necesario para seguir o seu labor na preservación e fomento da cultura galega en diversas actividades culturais e festivas, tanto en Taboada como na súa bisbarra.

Con este acordo, sinalou o presidente, “reafirmamos o compromiso da Deputación co apoio ás entidades culturais locais e á preservación das tradicións galegas”.

Engadiu que o financiamento deste proxecto, distribuído en tres anualidades- cun importe económico de 4.000 euros nos anos 2024, 2025, e 2026-, facilitará a confección do traxe rexional, “unha peza clave da nosa identidade cultural”, polo que o traballo de entidades como Rechouchíos “é fundamental para manter vivas as nosas tradicións, achegalas ás novas xeracións e seguir promovendo a nosa riqueza cultural”.

O mandatario provincial tamén destacou que o apoio económico da institución provincial permitirá á asociación Rechouchíos cubrir as necesidades derivadas do recente aumento de membros.  “O investimento permitirá que a entidade continúe desenvolvendo o seu labor educativo e cultural, garantindo a participación activa da comunidade en eventos festivos e culturais, e fortalecendo o achegamento ás novas xeracións a súa herdanza cultural”.

Nos últimos dous anos, a asociación triplicou o número de membros, especialmente entre os máis pequenos, debido á creación de aulas infantís. Este aumento xerou a necesidade de adquirir nova indumentaria para asegurar que todos os integrantes dispoñan do equipo adecuado para participar en actividades culturais e festivas.

A asociación realizará o proceso de elaboración dos traxes en tres anualidades, en xornadas abertas a participación de toda a cidadanía. Estas sesións contarán con asesoramento profesional en corte e confección para deseñar e planificar as pezas co material necesario previamente adquirido.

No caso das prendas máis complexas de confeccionar serán os profesionais os que se encargarán da súa elaboración. Cada traxe completo incluirá varias pezas, adaptadas para mulleres, nenos e homes, como saias, mandís, dengue ou xustillos, pantalóns, polainas, faixas, chalecos e monteiras.

0.20289516448975