A Deputación de Lugo apoia o traballo que se leva a cabo na Casa da Música de Chantada

RibeiraSacraXa
O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, felicitou á entidade polo “esforzo por potenciar e dar a coñecer a música entre todas as xeracións da vila"
Casa-da-Cultura-Chantada-Deputación-de-Lugo
28 Maio 2024

A área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo colabora coa Asociación Casa da Música de Chantada para unha mellora nas condicións dos 500 estudantes cos que conta este centro do sur da provincia.

Entre o alumnado, no que están inscritos nenos e nenas de 4 anos pero tamén un adulto que supera os 90, estudan instrumentos clásicos e modernos, danza e canto.

Dende a Casa da Música promoven a mestura de instrumentos e a creación de Combos, permitindo a creación de pequenas agrupacións que, posteriormente se dan a coñecer en pequenos concertos. Ademais, anualmente celebran o Acto de fin de curso no que o estudantado dá a coñecer os avances e o traballo realizado durante o curso.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, mantivo un encontro con representantes da entidade para coñecer o traballo que levan a cabo. Felicitou á entidade polo “esforzo por potenciar e dar a coñecer a música entre todas as xeracións da vila. Sodes un referente e co voso traballo e as agrupacións que promovedes entre o alumnado, conseguides que Chantada teña un nome na cultura musical da provincia pero tamén de Galiza”.

Dende a entidade, o seu presidente Pablo Dafonte, asegura que este acordo coa área de Cultura “representa a posibilidade de saír tocar fora das nosas aulas, porque a música non é só ensaiar. Permítenos poñer en marcha diferentes actividades e dotar á escola de mellorar en equipamento, adquirindo instrumentos ou equipos de son, entre outros”.

Celebrou tamén que con este acordo os músicos e músicas que forman os Combos van poder desprazarse e actuar noutras localidades para dar a coñecer a súa música. Outras actividades levadas a cabo son concertos en centros educativos para fomentar a música entre o estudantado e batukadas ou concertos de gaitas nas rúas de Chantada. No caso da banda de gaitas, cuns 60 membros, tamén fan encontros estatais e internacionais con outras agrupacións.

0.17863392829895