A Deputación convoca un proceso selectivo de emprego e lanza o Lugo Termal

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación convoca un proceso selectivo para a estabilización de emprego temporal e lanza o Lugo Termal para maiores de 50 anos.
Pazo San Marcos Lugo
18 sep 2022

Aprobadas as bases xerais que regulan, xunto coas bases específicas, os procesos selectivos que convoca a Deputación para a estabilización de emprego temporal a través dun sistema de concurso-oposición de acceso libre. Tamén lanza unha nova edición do programa Lugo Termal, a través do que ofrece descontos á veciñanza de máis de 50 anos.

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou as bases xerais que regulan, xunto coas bases específicas, os procesos selectivos que convoca a Deputación para o ingreso en prazas de persoal funcionario de carreira ou laboral fixo na institución provincial. Son prazas incluídas na taxa adicional de estabilización de emprego temporal, cota xeral ou cota de reserva a persoas con capacidades diferentes.

García Porto detallou que este venres quedaron aprobadas as que se farán por sistema de concurso-oposición de acceso libre. Estas bases xerais, explicou, “garanten os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, e tamén de publicidade;  establecen como sistema selectivo o concurso-oposición, e respectan a porcentaxe máxima de valoración na fase de concurso: un 40% para a fase de concurso e un 60% para a fase de oposición”. 

A relación de prazas é a seguinte:

  • 6 prazas como persoal funcionario de carreira de técnico de xestión (5 de cota xeral e 1 de cota de reserva para persoas con capacidades diferentes)
  • 3 prazas como persoal funcionario de carreira de administrativo
  • 1 praza como persoal funcionario de carreira de técnico de comunicación audiovisual
  • 1 praza como persoal funcionario de carreira de técnico de turismo
  • 2 prazas como funcionario de carreira de enxeñeiro técnico agrícola
  • 1 praza como persoal funcionario de carreira técnico superior de desenvolvemento de aplicacións informáticas
  • 1 praza como persoal funcionario de carreira de técnico medio de microinformática e redes
  • 1 praza como persoal funcionario de carreira de maquinista-condutor
  • 2 prazas como persoal laboral fixo de maquinista condutor
  • 3 prazas como persoal laboral fixo de peón de granxa
  • 1 praza como persoal laboral fixo de peón de reparacións de vías provinciais

A Oferta de Emprego Público da Deputación de Lugo para o ano 2022 foi aprobada no mes de maio, e publicouse o 27 de maio no Boletín Oficial da Provincia. A Deputada explicou que se fixo seguindo o obxectivo de reducir a temporalidade no emprego público, segundo o establecido na Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, impulsada polo Goberno do Estado.

“Unha lei moi importante que camiña cara un novo marco normativo que acabe coa alta taxa de temporalidade, e sobre o que sustentar un novo modelo de relacións laborais máis xusto e eficaz”, explicou. Ademais, indicou que esta é unha convocatoria pública de emprego “sen precedentes”, por varias razóns: unha polo elevado número de prazas, un total de 110; pola aposta decidida para incentivar o talento interno da institución e reforzar a progresión na carreira profesional das empregadas e dos empregados públicos; e porque é unha Oferta de Emprego Público acordada cos sindicatos na Mesa Xeral de Negociación da Deputación”.

García Porto afirmou que “dende esta institución, ao igual que o Goberno central, temos un firme compromiso co emprego estable e de calidade, e co reforzo dos servizos públicos. Os traballadores e traballadoras públicos son o principal activo co que conta a Administración”.

LUGO TERMAL

A Deputación lanza unha nova edición do programa Lugo Termal, que se desenvolverá neste ano 2022 e no 2023. Trátase da edición número 12 desta iniciativa, a través da que a institución provincial ofrece descontos a veciños e veciñas da provincia maiores de 50 anos e aos seus acompañantes para facilitar o acceso aos establecementos termais da provincia e a recibir terapias mineromedicinais.

O programa será para desfrutar nos tres balnearios na provincia: o Balneario e Termas de Lugo, o Hotel Balneario Río Pambre de Palas de Rei e o Hotel Balneario de Augas Santas de Pantón, que son os establecementos para os que, como nas anteriores edicións, se ofrecerán os descontos. “Con Lugo Termal, temos un dobre obxectivo: favorecer o benestar social e, ao mesmo tempo, dinamizar a economía a través do impulso do termalismo, no que a nosa provincia é unha potencia”,  explicou a Voceira socialista do Goberno.

Avanzou, así mesmo, que proximamente se aprobarán as bases que regulan o programa, onde irán detalladas as prazas que haberá nesta nova convocatoria para as modalidades con estancia e sen estancia. Será despois cando se abra o prazo para que a veciñanza da provincia se poida anotar. A previsión é que o programa Lugo Termal arranque en outubro e remate en xuño, como en edicións anteriores.

0.17359495162964