A Deputación comeza os traballos de mellora da estrada LU-P-5901 ao seu paso por Canaval

RibeiraSacraXa
Os traballos afectan aos dous primeiros quilómetros, na conexión entre Sober e Ferreira de Pantón, e que consistirán na reapertura de cunetas para aumentar a eficiencia da drenaxe, pavimentación e sinalización
obras-estrada-ferreira-de-panton-sober-canaval
19 Aug 2025

A Deputación de Lugo puxo en marcha esta semana as obras de acondicionamento da estrada provincial LU-P-5901, que comunica Sober e Ferreira de Pantón pasando pola parroquia de Canabal. O proxecto, cun orzamento próximo aos 50.000 euros, céntrase nos dous primeiros quilómetros da vía, desde Sober ata Canaval, e ten como obxectivo principal reforzar a seguridade e a capacidade de drenaxe.

Os traballos abranguen o tramo comprendido entre os puntos quilométricos 0,100 e 2,030. Inclúen a reapertura de cunetas, a mellora do pavimento e a instalación de nova sinalización horizontal con marcas reflexivas. A empresa adxudicataria, Construcciones Valdeorras SA, dispón dun prazo de dous meses para completar a actuación.

Esta mellora súmase a outras dúas que tamén se executarán no concello de Sober dentro do Plan de Estradas 2025 da Deputación: a intervención na LU-P-5905, que enlaza Canabal con Penacarreira, e a da LU-P-5903, que conecta Sober con Doade. Entre as tres suman un investimento que rolda os 300.000 euros.

A nivel comarcal, na Ribeira Sacra están previstas arredor dunha vintena de actuacións en once municipios (entre eles Bóveda, Chantada, Pantón, Monforte de Lemos ou A Pobra do Brollón), cun gasto conxunto que supera os 2,2 millóns de euros.

En conxunto, a Deputación de Lugo destinará en 2025 máis de 27 millóns de euros á rede provincial de estradas, tanto en conservación como en obras de mellora, unha cifra que representa máis do 21% do seu orzamento anual.

⚙ Configurar cookies
0.28491187095642