A Deputación colabora coa terceira edición de ‘Raizames’ cunha achega de 12.000 euros

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este venres xunto ao Alcalde de Taboada, Roi Rigueira, na presentación da terceira edición do Encontro da Cultura do Viño da Ribeira Sacra, ‘Raizames’, que tivo lugar na praza do municipio situada entre a Casa da Cultura e o Cuartel Vello. A institución provincial colabora cunha achega de 12.000 euros para esta cita que terá lugar entre o 23 e o 25 de maio.
“Esta é unha proposta ambiciosa, transversal e profundamente conectada co territorio, que reúne música, palabra, arte, pensamento e gastronomía como parte dunha mesma identidade”, valorou García Porto durante a presentación. Felicitou á Asociación de Comerciantes e Industriais de Taboada (Acimta) pola organización, “porque Raizames non é só un evento: é tamén unha ferramenta de dinamización e de futuro, que nos mostra que se poden facer proxectos tan interesantes desde o compromiso social”.
Destacou a Deputada que esta proposta concorda co modelo de turismo polo que aposta a Deputación: sostible, responsables e vinculado ao territorio. “Un turismo que entende que visitar é coidar, aprender e respectar”, engadiu. Na cita participaron, ademais, o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro Caloto; e o Presidente de Acimta, Miguel Pavón; entre outras autoridades.
O programade Raizames contempla un extenso programa de actividades para desfrutar da cultura do viño da Ribeira Sacra.