A Deputación colabora coa segunda edición do Camiño Creativo
O Camiño Creativo busca potenciar a creatividade dos emprendedores e emprendedoras e axudalos a desenvolver un plan de negocio ao tempo que percorren o Camiño de Santiago de Inverno.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou na presentación da segunda edición do proxecto O Camiño Creativo de Santiago – XACOBEO21.22. Emprende!, que tivo lugar nun dos catamaráns da institución provincial que saen do embarcadoiro de Ponte do Sil, en Monforte, e percorren a Ribeira Sacra. Esta iniciativa de emprendemento está impulsada por España Creativa.
José Tomé destacou que o proxecto “representa unha aposta polo emprendemento e pola innovación ligada ó patrimonio natural e cultural. Unha filosofía que compartimos dende a Deputación para impulsar o turismo sostible e de calidade. É dicir, converter os valores do pasado en elementos para o desenvolvemento do futuro, tanto social como económico, sobre todo do noso rural”.
No acto, o presidente estivo acompañado polo Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, a presidenta de España Creativa, Belén Elisa Díaz, e outras autoridades autonómicas e locais.
O Camiño Creativo busca potenciar a creatividade dos emprendedores e emprendedoras e axudalos a desenvolver un plan de negocio ao tempo que percorren o Camiño de Santiago de Inverno.
“Igual que nesta presentación, os participantes no programa poderán gozar da riqueza patrimonial tan diversa que temos na nosa provincia”, sinalou o Presidente e destacou como exemplo a igrexa de Cadeiras, onde se celebrou a segunda parte do acto.
Esta actividade serve como antesala do Fórum Lugo 2022 que acollerá a provincia no mes de novembro e da que a Deputación de Lugo é organizadora, xunto a España Creativa, tras gañar a Copa España Creativa do pasado ano por un proxecto para a recuperación e posta en valor de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá.
A nova convocatoria do Camiño Creativo de Santiago – XACOBEO21.22. Emprende! estará aberta ata o 15 de maio. A previsión é que se leve a cabo do 5 ao 25 de xullo cun máximo de 20 participantes.