A Deputación cede ao Concello de Chantada a totalidade da LU-P-1808

RibeiraSacraXa
O presidente provincial e o alcalde de Chantada asinaron esta mañá un convenio que outorga ao Goberno municipal as competencias desta estrada que que vai desde a N-540 ata o lugar de Quinteliña
jose-tome-manuel-lorenzo
18 Nov 2025

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, asinaron esta mañá un acordo mediante o que a institución provincial cede a este Concello a totalidade da vía LU-P-1808. Trátase dunha estrada de 375 metros de lonxitude que conecta a N-540 co lugar da Quinteliña, na parroquia chantadina de San Salvador de Asma.

“Hoxe damos o último paso para responder a unha petición do Concello de Chantada”, salientou o presidente provincial, que explicou que “tras a súa aprobación na sesión plenaria e a correspondente ratificación da Xunta de Galicia, esta estrada, clasificada como solo urbano en medio rural, pasa a formar do patrimonio viario municipal de Chantada”.

Unha sinatura que, recalcou Tomé, “demostra que escoitamos as demandas dos municipios e que tratamos de colaborar activamente para mellorar os servizos e as infraestruturas que usan a diario os veciños e veciñas, sexan da cor política que sexan”.

Nesta liña, lembrou o mandatario provincial que este mesmo trámite “realizámolo tamén con Xove, para transferirlle ao Concello 10 estradas provinciais, que supoñen un total de 45 quilómetros e investir algo máis de 1,6 millóns de euros no arranxo de catro vías; e con Palas de Rei ao que lle cedemos un tramo urbano de 816 metros da LU-P-2901, a vía que une a N-547 coa rúa Agro do Rolo”.

⚙ Configurar cookies
0.080950021743774