A Deputación aumenta o investimento no programa Lugo Termal e amplía as prazas

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Esta iniciativa incorporará tamén durante a tempada 2023-2024 o balneario de Guitiriz, que se sumará aos de Lugo, Pambre e Pantón para ofrecer ás persoas maiores de 50 anos da provincia e os seus acompañantes descontos en diferentes tratamentos termais nas modalidades con estancia e sen estancia.
balneario spa augas termais termas
21 Out 2023

Esta iniciativa incorporará tamén durante a tempada 2023-2024 o balneario de Guitiriz, que se sumará aos de Lugo, Pambre e Pantón para ofrecer ás persoas maiores de 50 anos da provincia e os seus acompañantes descontos en diferentes tratamentos termais nas modalidades con estancia e sen estancia.

A Deputación de Lugo vén de aprobar unha nova edición do programa Lugo Termal con dúas novidades principais para a temporada 2023-2024: máis investimento e máis prazas. Así o anunciou a voceira socialista, Pilar García Porto, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que informou de que a institución provincial lanza de novo este programa de descontos para tratamentos termais nos balnearios da provincia para ás persoas maiores de 50 anos.

O programa estará dotado este ano cun investimento de 91.000 euros, o que representa unha subida de case un 30%, e se pasará de 1.025 a 1.300 prazas, o que supón tamén case un 30% máis. Ademais, incorpórase aos balnearios de Pantón, Pambre e Lugo o de Guitiriz, en funcionamento dende o pasado mes de maio.

O aumento das prazas “é unha aposta moi importante que facemos dende a Deputación”, sinalou García Porto, que comparou as que pon a disposición a institución provincial coas da Xunta de Galicia para toda a comunidade autónoma, un total de 1.204. “Se temos en conta que o Orzamento global da Xunta é 120 veces superior ao desta institución provincial, é evidente que estamos facendo un gran esforzo para potenciar a economía vinculada ao turismo termal e para apoiar ós establecementos termais da nosa provincia, fomentando a súa actividade en tempada baixa”, valorou.

Concretamente, o programa contará con 825 prazas con estancia: 50 no Balneario Termas de Lugo, 400 no Balneario Río Pambre, 300 no Balneario de Guitiriz e 75 no Hotel Balneario Augas Santas. Ademais a Deputación ofrecerá outras 475 prazas sen estancia: 150 no Balneario lucense das Termas, 150 no Balneario Río Pambre, 100 no Balneario de Guitiriz e 75 no Hotel Balneario Augas Santas.

Explicou a voceira socialista que a través do Lugo Termal “favorecemos o benestar e a calidade de vida dos veciños e das veciñas da provincia, ao tempo que impulsamos a actividade económica fomentando o turismo termal”.

Nesta nova edición, a número 12, os beneficiarios do programa terán coma sempre descontos en función da modalidade –con estancia ou sen estancia- e tamén, como en anos anteriores, haberá diferentes técnicas e tratamentos a disposición das persoas usuarias.

Unha vez aprobada a nova edición do programa Lugo Termal, as bases terán que publicarse no Boletín Oficial da Provincia e a previsión, informou García Porto, é poñer a disposición da cidadanía os descontos a finais de ano.

Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais da provincia de Lugo

Por outra banda, a Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou este venres a licitación do contrato por un importe de 91.000 euros para a prestación do servizo de actualización, análise, mantemento e mellora da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais da Provincia de Lugo.

Esta enquisa constitúe un inventario estatal dos servizos de todos os municipios de menos de 50.000 habitantes –que na provincia son todos menos a capital-, e trátase do instrumento básico de valoración das necesidades dos concellos para a cooperación económica local por parte do Estado. O prazo de execución é de 6 meses unha vez iniciados os traballos.

0.18943905830383