A Deputación asina a venda de dúas novas parcelas nos polígonos de Chantada e Friol
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, asinou este martes pola mañá na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos cos representantes de dúas empresas e ante notario os contratos de compravenda dunha parcela do polígono industrial de Chantada e outra do polígono de Friol. Os dous complexos pasaron a xestionarse directamente pola institución provincial trala extinción da Sociedade Urbanística Provincial (Suplusa).
No caso do polígono dos Acivros, no concello de Chantada, vendeuse a parcela número 21 a Udeica S.L. por 45.560€, que se dedica á xestión de capital de sociedades. O mandatario provincial tamén asinou a venda dunha parcela do polígono industrial A Gándara, en Friol. Trátase da parcela número 15, que adquire a empresa DFJ Salvi Industry S.L. por 33.412€, que se dedica ao alugueiro de bens inmobles.
Os alleamentos destes terreos leváronse a cabo a través dun proceso de adxudicación directa, tras os escritos presentados polas empresas, nos que mostraron o seu interese en adquirir as devanditas parcelas.
Desta forma, a día de hoxe, no polígono de Friol están vendidas 28 parcelas, das 55 existentes, quedando libres 27; e no caso de Chantada, non quedarían parcelas dispoñibles das 49 que ten este parque, pois só quedan sen vender 6, pero xa están reservadas á espera de formalización das vendas.