A Deputación aproba a adxudicación de obras en estradas do sur da provincia
A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación de obras de mellora en tres estradas da provincia por un importe conxunto que alcanza os 245.000 euros.
Na estrada LU-P-4701, que conecta A Pobra do Brollón con Folgoso do Courel por Parada dos Montes, a Deputación acondicionará preto de 19 quilómetros de vía por un total de 87.000 euros. “Esta actuación, que ten un prazo de execución de 4 meses, é importante porque se trata dunha estrada que dá servizo ó Xeoparque Montañas do Courel, e que mellorará os accesos a varios núcleos rurais, en concreto, os de Baldomir, Vilamor, Froxán ou Salcedo”, asegurou García Porto.
Na estrada LU-P-4702, que conecta Vilachá coa Estación de Pobra do Brollón por Rozabales, a voceira socialista informou de que se acometerá un proxecto para a mellora de 8 quilómetros por 82.300 euros. Estas obras, con tres meses de prazo, mellorarán as comunicacións dos veciños e veciñas de Vilachá, Salvadur, Airexa e Salgueiros.
Así mesmo, na estrada LU-P-5705, que é a que conecta Mazadoiro e San Martiño da Torre, entre Sarria e O Páramo, a Xunta de Goberno aprobou a adxudicación da súa mellora nun tramo de 5 quilómetros por un importe de 75.700 euros e un prazo de execución de 9 meses. Esta estrada conecta uns 15 núcleos da comarca de Sarria e dá acceso a diferentes explotacións agrícolas e gandeiras, polo que as obras supoñerán un beneficio importante para a veciñanza.