A Deputación apoia o Festival da Mocidade de Taboada cunha achega de 15.000 euros

RibeiraSacraXa
O festival ofrecerá 5 concertos de bandas referentes no panorama musical galego
presentacion-festival-da-mocidade-taboada
Presentación do Festival da Mocidade de Taboada
30 Jul 2025

O Concello de Taboada prepara unha nova edición do Festival da Mocidade, que se celebrará o 8 de agosto no Campo da Feira, dentro do programa das Festas dos Milagres, e conta co apoio económico da Deputación, que aporta 15.000 euros para a organización do evento. Esta iniciativa inclúe unha programación con cinco concertos de grupos destacados da música galega.

Na presentación do festival, que tivo lugar este mércores no Concello, participaron a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; o alcalde, Roi Rigueira Agromartín; e a deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística, Iria Castro Fernández, entre outras autoridades.

Pilar García Porto destacou o valor deste tipo de festivais, sinalando que “este tipo de festivais non nacen por casualidade son froito dunha visión clara, dun traballo sostido e dun compromiso firme coa xente nova. Por iso quero recoñecer o papel do Alcalde e do Concello, que teñen moi claro que a mocidade necesita espazos propios, necesita cultura viva, música, encontro, identidade e alternativas de lecer que conecten co seu tempo e coa súa forma de expresarse”.

A deputada tamén valorou o cartel da edición, afirmando que “nesta edición contaremos cun cartel que mestura enerxía, talento local e música feita dende aquí, con orgullo e autenticidade. E iso tamén é importante: apostar pola cultura feita na nosa lingua e no noso país é tamén unha forma de reforzar a nosa identidade colectiva”.

Sobre o respaldo da Deputación a esta iniciativa, García Porto apuntou que “eventos coma este revitalizan o municipio, traen dinamismo económico, crean comunidade e, sobre todo, recoñecen e valoran á mocidade como suxeito activo da vida social e cultural. Queremos unha provincia viva, diversa, con futuro, onde vivir no rural non sexa unha renuncia, senón unha oportunidade. E iso tamén pasa por defender espazos como este festival, onde se mesturan celebración, música, participación e pertenza”.

O Festival da Mocidade dará comezo ás 19:30 horas cunha ruta polos bares do municipio. Ás 21:30 horas terá lugar unha cea popular e, finalmente, ás 23:30 horas comezarán os concertos. Nesta ocasión, actuarán as bandas La Quinkillada, Os Residuos Atractivas, Heredeiros da Crus, Rastreros e The Palangans. A entrada ao festival será de balde, pero as persoas que desexen asistir á cea deberán adquirir os seus tíckets en distintos establecementos locais.

⚙ Configurar cookies
0.16021394729614