A Deputación apoia a regata Gold River Race que avanzará pola Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
A Gold River Race celebrarase entre os días 25 e 27 de xuño. O trazado lucense, de 35 quilómetros, arrancará en Augasmestas.
piraguismo
17 Xuño 2021

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, participou este xoves no Salón de Actos do Pazo de San Marcos no acto de presentación da primeira edición da Gold River Race, que nace como a regata máis longa de Europa, con 100 quilómetros de percorrido, e que pasará pola provincia de Lugo co apoio económico da institución provincial.

A proba celebrarase entre os días 25 e 27 de xuño. O trazado lucense, de 35 quilómetros, arrancará en Augasmestas (Quiroga), para despois pasar por Monforte de Lemos e Sober, e rematar no Embarcadoiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.

O Presidente felicitou aos organizadores “pola súa visión á hora de impulsar unha proba tan ambiciosa, que vai marcar un punto de inflexión no piragüismo dentro e fóra de Galicia. Unha proba de alta esixencia e de altas miras, que chama con forza nas portas do deporte internacional, porque non renuncia a converterse, andando o tempo, na regata máis longa do mundo, superando algún día os 230 quilómetros da proba arxentina de Río Negro”.

Reclamo turístico

Ademais de destacar que esta regata incentivará a xa moi forte afección polo piragüismo na provincia, “incrementando as licencias e animando á práctica do deporte a moitos nenos e nenas”, José Tomé puxo en valor que o deporte “é un aliado excelente da promoción do territorio e do turismo, un reclamo que atrae visitantes á zona e que, polo tanto, axuda a fomentar a actividade da hostalería, do turismo e do comercio local, dous dos sectores que resultaron máis afectados polas restricións sanitarias”.

Neste sentido, o mandatario provincial lembrou que a Deputación está apoiando estes negocios colaborando con grandes eventos deportivos polo seu “efecto multiplicador, polo seu alcance e pola repercusión das probas”, e tamén con medidas como os Bonos Impulso ou os programas Actívate, Saborea a túa Provincia ou Coñece a túa Provincia, neste caso, dirixidos a incentivar o turismo de proximidade e o consumo de produtos locais”.

A Gold River Race será “un escaparate de promoción inigualable” do patrimonio fluvial, dos caldos galegos e do enoturismo da provincia. “Probas desta categoría, co seu impacto nos medios de comunicación e nas redes sociais, actúan como embaixadores internacionais das zonas que percorren. Este ano, moitas persoas van desfrutar das paisaxes da provincia de Lugo gracias ó paso da etapa de La Vuelta a España por 12 concellos lucenses. Agora, outra cantidade importante de xente coñecerá as nosas incomparables paraxes fluviais da man do trazado da Gold River Race”, subliñou o Presidente.

0.18329286575317