A Deputación adxudica as tarefas de desbroce en estradas da provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O contrato para acometer os desbroces da rede viaria provincial está dotado con máis de 3 millóns de euros
desbroce-estradas-roza-caminos
Labores de roza nunha das estradas da provincia
22 May 2024

A Xunta de Goberno da Deputación -que se aprazou ao martes por ser o pasado venres festivo- aprobou a adxudicación, por 571.396,47 euros, dos traballos de desbroce de estradas provinciais ao seu paso por 11 concellos da provincia. “Nas vindeiras xuntas de goberno adxudicaranse os traballos para o resto de vías, ata completar os 4.217 quilómetros que conforman a rede de estradas coa que conta a Deputación”, avanzou Rivera Capón.

As tarefas de desbroce corresponden ás zonas de 5 lotes do contrato, que son as que afectan aos concellos de Castro de Rei, Pol e Meira; Castroverde e O Corgo; Ribeira de Piquín e A Fonsagrada; Negueira de Muñiz e Navia de Suarna; e Chantada e Carballedo

O contrato para acometer os desbroces da rede viaria provincial está dotado con máis de 3 millóns de euros e está dividido nun total de 24 lotes.

“A rede de estradas da Deputación de Lugo é a máis extensa de toda España e para o seu acondicionamento e mellora destinamos moitos recursos económicos. De feito, neste ano 2024 están consignados 20 millóns de euros nos Orzamentos para as estradas provinciais, o que supón un incremento dun 42% no último mandato”, sinalou Pablo Rivera. Uns recursos destinados a tarefas de mellora, de desbroce, de conservación e de mantemento das vías. Concretamente, “o desbroce é unha tarefa fundamental, coa que contribuímos a mellorar a seguridade viaria e a comodidade dos condutores, ademais de favorecer a prevención dos incendios”, asegurou o Deputado.

Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios

Finalmente, a Xunta de Goberno sacou adiante o último trámite administrativo para o pago dunha subvención a un novo beneficiario do Programa para a Dotación e Mellora de Servizos Comunitarios, que impulsa a Deputación de Lugo. En concreto, son 6.000 euros para a Comunidade de Montes de Santalla, en Begonte, destinados á mellora de accesos comunais.

0.07319712638855