A Deputación abre o prazo para participar no programa Coñece a túa provincia
O programa está dirixido a todas as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas con sede na provincia de Lugo e as viaxes asignaranse por orde de rexistro ata esgotar as prazas. Poderán participar entre un mínimo de 15 persoas e un máximo de 23 por colectivo.
A Deputación de Lugo manterá aberto dende hoxe xoves, 9 de maio, ata o día vindeiro 23, o prazo de presentación de solicitudes para participar nunha nova edición do programa de viaxes gratuítas para entidades sen ánimo de lucro Coñece a túa provincia. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publica hoxe as bases da convocatoria desta tempada do 2024, durante a que a Deputación ofrecerá un máximo de 1.840 prazas.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, explica que o Coñece a túa provincia “ten como obxectivo fomentar o turismo de proximidade entre os veciños e veciñas, e seguir avanzando cara un modelo de turismo sostible e desestacionalizado, con capacidade para atraer visitantes ao longo do ano”, subliña. “Moitas veces viaxamos moi lonxe a outras rexións ou países, que tamén está moi ben, pero descoñecemos recursos fantásticos que temos a media hora da nosa casa. A nosa provincia é moi diversa e rica en patrimonio natural e patrimonial, e este programa contribúe a potenciar ese coñecemento polos propios lucenses”.
O Coñece a túa Provincia está dirixido a todas as entidades sen ánimo de lucro legalmente constituídas con sede na provincia de Lugo. Deben presentar unha única solicitude, que poden enviar vía telemática a través da sede electrónica da Deputación; entregala no Rexistro da Deputación previa cita telefónica; en calquera dos rexistros que menciona a Lei de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas; ou tamén nas oficinas de Correos. A orde de prelación da listaxe de entidades admitidas establecerase conforme á de presentación das solicitudes no correspondente rexistro, segundo data e hora que figure na documentación, ata esgotar as prazas dispoñibles. A relación de entidades admitidas e en lista de agarda, se a houbera, publicarase no BOP.
A excursión concedida a cada entidade beneficiaria do programa incluirá o transporte para os traslados de ida e volta dende o lugar ou lugares de orixe, póliza de seguros de viaxeiros, menú de xantar, servizo de guía oficial de turismo e as entradas e visitas a diferentes lugares de interese da provincia de Lugo.
En cada viaxe poderán participar un máximo de 23 persoas e un mínimo de 15. Estas visitas serán realizadas por profesionais que contan coa habilitación de guía oficial de turismo de Galicia e polo persoal de atención ao público nos diferentes museos, empresas ou obradoiros sinalados nos itinerarios do programa.
44 itinerarios a elixir
As asociacións poden elixir entre un total de 44 itinerarios polo patrimonio natural, histórico, cultural e gastronómico de toda a provincia de Lugo. As visitas comezarán de un centro da Deputación de Lugo e logo xa parten ao lugares incluídos na viaxe. Uns itinerarios que se viron renovados e ampliados esta edición. Destes 44 itinerarios:
- 12 son pola comarca da Mariña, que inclúen lugares naturais como a Praia das Catedrais, o Pozo da Onza ou o litoral focense, pero tamén recursos patrimoniais como a fábrica de Sargadelos, o castelo de Castrodouro ou a Catedral de Mondoñedo.
- 11 rutas son pola Ribeira Sacra. Neste caso, as alternativas permiten visitar concellos como Monforte de Lemos, Bóveda, Pantón, Sober ou A Pobra do Brollón, entre outros. Tamén, algunhas das igrexas incluídas na Ruta Transrománica, da que forma parte a Deputación de Lugo.
- 8 itinerarios pasan pola zona de Ancares-Courel, e achegarán aos participantes ás Terras de Burón e ao Camiño Francés na comarca de Sarria.
- As 13 rutas restantes percorren as comarcas de Lugo e Terra Chá. As visitas inclúen lugares como o Castro de Amarante, a igrexa de Soutomerille ou o Castro de Viladonga, ademais do centro histórico da cidade de Lugo.