A danza e a mímica protagonizan os actos con motivo do 25N en Monforte
Con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, o Concello de Monforte organiza este sábado un acto conmemorativo coa lectura do manifesto na Rúa Cardeal a cargo de Margarita López Rodríguez, concelleira de Muller e Igualdade ás 12.30 horas .
Seguidamente, terá lugar a performance feminista En Pé, un espectáculo creado por Laura Naveira que, a través da mímica, da danza e da expresión corporal pretende concienciar e visibilizar a discriminación e violencia contra as mulleres, así como a necesidade de implicación da sociedade na loita contra a violencia machista e a importancia do apoio ás vítimas.
Nesta proposta actuarán tamén Violeta Torres e Rebeca Lourido. Ambas, coa compañía de Laura Naveira, desenvolverán tamén neste día dúas actuacións mais que terán lugar en localizacións concorridas do casco urbano de Monforte. As iniciativas levaranse a cabo de 13.00 a 14.30 e de 18.00 a 20.00 horas. O acto rematará co reparto de material de sensibilización, concretamente paraugas, entre as persoas asistentes.