A D.O. Ribeira Sacra, terceira mellor denominación de orixe de España segundo os Premios Verema 2025

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra foi recoñecida como a terceira mellor DO de viño de España nos Premios Verema 2025, un dos galardóns máis prestixiosos do sector vitivinícola no ámbito hispanofalante. A DO galega acadou o podio xunto a Valdeorras e Terra Alta, entre máis de 70 denominacións de orixe avaliadas.
Este recoñecemento, destacan desde o Consello Regulador, ten un valor especial por ser outorgado directamente polo público e polos profesionais do sector, con máis de 340.000 votos rexistrados nesta edición. Verema é actualmente a comunidade de afeccionados e expertos en viño máis importante e con maior influencia en lingua española, cun perfil de votantes que inclúe sumilleres, enólogos, distribuidores, profesionais do canal HORECA e consumidores finais esixentes e coñecedores da cultura vitivinícola.
“Este galardón pertence pura e exclusivamente a todos os viticultores e adegueiros da nosa Denominación de Orixe. Quero felicitalos profundamente, porque é co seu traballo diario, o seu sacrificio nas nosas empinadas ladeiras e a súa paixón pola viña co que están a conseguir que se recoñeza á Ribeira Sacra como unha das mellores denominacións de España”, destaca o presidente do Consello Regulador da D.O. Ribeira Sacra, Antonio Lombardía Crespo.
Lombardía tamén subliñou a importancia do respaldo dos votantes de Verema e reafirmou o compromiso do Consello Regulador coa mellora continua:
“Que centos de miles de persoas, entre as que se atopan os consumidores máis entendidos e influentes, nos elevaran ata esta terceira posición demostra o enorme respecto que infunde o noso traballo. Este premio dálle un gran impulso, e desde o Consello Regulador seguiremos traballando incansablemente para conseguir que esta Denominación sexa cada día mellor, máis forte e recoñecida polos consumidores de todo o mundo”, sinalou o presidente do Consello Regulador.
Con este premio, a D.O. Ribeira Sacra consolida un inicio de ano destacado, reflectindo que a súa aposta pola calidade, a viticultura heroica, a preservación da paisaxe e a identidade das súas variedades é a estratexia correcta para conquistar aos padales máis esixentes.
Por último, Lombardía quixo recoñecer tamén a labor do Pleno do Consello Regulador, destacando que:
“Este galardón é a proba de que as medidas valentes e decididas que se están tomando desde o pleno do Consello Regulador son as correctas. Apostaron sen fisuras polo camiño da calidade e a excelencia técnica por riba de calquera outra consideración, e a resposta do público en Verema confírmanos que este é o rumbo que debemos seguir. Este recoñecemento indícanos que estamos no camiño axeitado para consolidar á Ribeira Sacra na elite do mundo do viño”.