A D.O. Ribeira Sacra recibirá a visita do recoñecido xornalista británico especializado en viños Andrew Neather.

A Denominación de Orixe Ribeira Sacra recibirá a visita do recoñecido xornalista británico especializado en viños Andrew Neather, que percorrerá as súas adegas e viñedos e participará nunha cata na sede do Consello Regulador.
Neather, crítico de viños do Evening Standard de Londres entre 2005 e 2015, colabora actualmente con Tim Atkin MW e con diversas publicacións especializadas como Decanter, Harpers Wine & Spirit, The Drinks Business ou Club Oenologique. Ademais, publicou recentemente, xunto a Jane Masters MW, o libro Rooted in Change: The Stories Behind Sustainable Wine, editado pola Academie du Vin Library en Londres.
Durante a súa estancia en Ribeira Sacra, Neather terá a oportunidade de coñecer de primeira man a tradición vitícola da rexión, visitar as súas adegas e viñedos, e manter encontros con responsables do Consello Regulador e outros profesionais do sector.
A visita destaca a crecente proxección internacional dos viños de Ribeira Sacra e contribúe a difundir a súa calidade e diversidade entre críticos e medios especializados fóra de España.