A D.O. Ribeira Sacra promociona os seus viños na feira Gastrónoma de Valencia

RibeiraSacraXa
A denominación acudiu ao evento, que reúne aos principais actores do sector gastronómico e hostaleiro, con trece referencias seleccionadas
vendimia-viñedos-ribeira-sacra
28 Oct 2025

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra participou esta semana en Mediterránea Gastrónoma, a feira profesional celebrada en Feria Valencia que reúne aos principais representantes do sector gastronómico e hostaleiro.

A denominación asistiu ao evento con trece referencias seleccionadas, presentadas no espazo “Túnel do Viño”, onde os asistentes puideron degustar e coñecer de preto os viños elaborados baixo este selo de calidade. Durante as xornadas, a directora técnica do Consello, Beatriz Soto González, atendeu aos profesionais do sector e ofreceu información sobre as características que definen os viños e o territorio vitícola da Ribeira Sacra.

A presenza en Gastrónoma incluíu tamén actividades divulgativas e catas comentadas dirixidas a consumidores e especialistas, nas que se puxo en valor a tradición vitivinícola da zona e a singularidade das súas elaboracións. Nunha das sesións, celebrada en colaboración con Daveiga, ofreceuse unha degustación guiada de diferentes viños da denominación, mentres que noutra participaron o cociñeiro Marcos Cabanas, do restaurante El Olivo de Narón, dentro do programa Galicia Sabe AMAR xunto coa DOP Mexillón de Galicia.

Con esta iniciativa, explican desde o Consello Regulador, a D.O. Ribeira Sacra reforza a súa presenza en feiras especializadas e busca consolidar a súa relación con distribuidores, prescritores e profesionais do sector, achegando ao público especializado a calidade e a personalidade dos seus viños.

⚙ Configurar cookies
0.054985046386719