A cuarta edición do 'Programa ColorADD nas Escolas' celebrouse no colexio da Gándara de Monforte

RibeiraSacraXa
O motivo de celebrar esta xornada en Monforte é debido a que unha alumna deste colexio, Diana López Méndez, padece a enfermidade da acromatopsia
'Programa-ColorADD-nas-Escolas'-Monforte
15 Xuño 2024

Gloria Prada, en representación do alcalde de Monforte participou na cuarta edición do 'Programa ColorADD nas Escolas' que se organiza a nivel nacional e que se celebrou no monfortino colexio da Gándara, sendo o primeiro colexio público de España en acoller esta actividade de sensibilización, de aí a importancia que o Equipo de Goberno lle outorgou á esta xornada.

O motivo de celebrar esta xornada en Monforte é debido a que unha alumna deste colexio, Diana López Méndez, padece esta enfermidade, a acromatopsia, unha condición xenética da visión que, entre outros síntomas, dificultan a interpretación das cores, provoca unha diminución severa da agudeza visual e unha alta sensibilidade á luz.

Estes problemas dificultan en gran medida a vida dos afectados e os seus familiares, pero que ao tratarse de patoloxías pouco frecuentes (a acromatopsia só afecta a unha de cada 40.000 persoas) apenas contan coa investigación e divulgación necesarias.

Neste senso, Gloria Prada, na súa intervención, trasladou “a implicación e sensibilidade do alcalde de Monforte e do Equipo de Goberno coas persoas que padecen este tipo de enfermidade xenética, e en xeral con enfermidades raras que teñen menos visibilidade na sociedade, pero non por elo son menos importantes”.

A colaboración do Concello coa asociación Acrómates, da que é secretaria a monfortina Ana Vanesa Méndez, nai da alumna afectada por esta enfermidade, traduciuse na doación de 65 Kits Coloradd, compostos dunha mochila, un caderno para colorear, unha caixa de lápices co código para identificar de que cor son e material informativo.

No acto, tamén participaron a directora do Colexio da Gándara, María Prieto, un afectado por acromatopsia, Juan Manuel Lamoso, a secretaria de Acrómates, Ana Méndez, a responsable da asociación portuguesa ColorADD, Bárbara Santos, e a profesora que a ONCE asignou á alumna con acromatopsia, Aurora Rodríguez. A xornada tamén contou coa colaboración da óptica Adrián Salgado, da empresa Kidacu e do Hotel Cardenal.

Prada fixo entrega do material doado polo Concello, que serviu para que uns 60 alumnos e alumnas de 4º e 5º de Primaria do colexio fixeran a actividade práctica, logo das explicacións teóricas de sensibilización ofrecidas polo persoal da asociación portuguesa ColorADD, que é a que idea e fabrica os materiais entregados, e que permiten que o alumno se familiarice e aprenda o uso desta ferramenta, que permite a través de símbolos, saber de que cor se trata en cada caso.

0.19506478309631