A Copa Deputación avanza coa celebración da fase de oitavos na maior parte de categorías

Os equipos de fútbol de todas as categorías da provincia de Lugo aproveitaron a ponte do Día de San Xosé para celebrar unha nova sesión eliminatoria da Copa Deputación. Neste caso foi a de oitavos, que deixou clasificados a Ribadeo, Monterroso, Foz, Lemos, Chantada, Escairón, Guntín e Castro (os dous últimos na quenda de penaltis) para a fase de cuartos dentro da Preferente e Primeira. A seguinte sesión será durante a Semana Santa, entre os días 2 e 5 de abril.
Para a categoría de Segunda e Terceira, o pase foi para Xermade, San Roque, Pontenova, Ferreira, Lemos B, Candelaria e Casás. No último caso e no Ferreira o triunfo chegou na quenda de penaltis. Queda aínda sen disputarse a praza que corresponderá a Friol ou Santa Comba, que o farán o mércores.
Na categoría feminina a que se disputou foi a fase de cuartos, da que saíron vitoriosas as xogadoras do PM Friol B, Milagrosa, San Lázaro e Antas. As da Ulloa venceron con un avultado resultado de 0–7.
Tamén houbo competición nas categorías de base. Na xuvenil pasaron o corte A Piringalla e San Roque cunha contundente goleada. Pero tamén están clasificados Viveiro B, Antas e Residencia B. Quedan aínda por disputarse os duelos Palas-Lourenzá e Meira-Río Ouro.
En infantís o triunfo foi para Sarriana, Vilalbés, Residencia B, Lourenzá, Becerreá, Foz e Burela, quedando pendente o partido entre Abuín e Lugo B, que se xoga este luns.
En cadete, tocou escoller semifinalistas, que serán Sarriana (por penaltis), A Piringalla, Viveiro e Ribadeo.