A Consellería de Sanidade manterá as tres prazas de facultativo de Atención Primaria en Pantón
A Consellería de Sanidade manterá as tres prazas de facultativo de Atención Primaria que ten asignadas o centro de sáude de Ferreira de Pantón, tanto na ubicación actual como nas novas instalacións que se prevé construír no municipio.
A Xunta asegura que non se vai amortizar ningunha das prazas, e que, lonxe de empeorar, están previstas melloras na atención sanitaria no municipio. Ao respecto, engadiu que o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria anunciado hai un mes polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, inclúe na primeira fase de desenvolvemento o novo centro de saúde desta localidade, adaptado aos estándares técnicos e para harmonizar os criterios arquitectónicos, de equipamento e medioambientais, entre outros. Esta nova infraestrutura aumentará o espazo para técnicas e cirurxía menor e resolverá os problemas de accesibilidade que ten o actual centro.