A Confraría do Viño de Quiroga puxo cor ao centro da vila
A Confraría do Viño de Quiroga participa un ano máis nos actos da Feira do Viño. Ademais de estar presentes nos actos de inauguración da feira o día 24, os membros desta Confraría desfilaron como é tradicional pola rúa Real.
Os confrades, ataviados co seu traxe de gala (capa, sombreiro e nesta ocasión tamén máscara), recorreron a travesía principal da vila quiroguesa, dende a Casa Consistorial ata o Auditorio Municipal.
Este solemne acto, -presidido polo Confrade Maior, o alcalde quirogués Julio Álvarez, e polo presidente da Confraría, J. Manuel Rodríguez-, forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o ano 2012, ano no que se fundou esta congregación, que conta dende entón con 23 membros. O número de membros é invariable, soamente se renovan cando queda algunha vacante, como ocorreu no ano 2019 cando entrou a formar parte desta institución a primeira muller confrade.
O que este ano non realizou esta irmandade foi a cata dos viños participantes na feira. O presidente da Confraría, José Manuel Rodríguez, non considera que nesta edición fose necesario, “posto que as adegas que participarán son todas adegas industriais”. O cometido dos confrades na cata dos viños era detectar calquera problema de cor, sabor ou olor que puidesen presentar as mostras dos viños artesanais que estaban inscritos para a feira, que previamente xa pasaran análises nun laboratorio.
Como remate do desfile, xa a porta pechada, os membros do gremio realizaron unha xunta xeral anual na que este ano -segundo o seu presidente- había moitos puntos a tratar posto que o pasado ano, por mor da pandemia, non se celebrou. O estado de contas e a convocatoria de eleccións para renovar a xunta directiva foron algúns dos puntos que se puxeron riba da mesa.