A Confraría do Viño de Quiroga investirá aos seus novos membros este sábado nun acto aberto

A Confraría do Viño de Quiroga investirá aos seus novos confrades este sábado nun acto aberto a todos os públicos. O pasado ano a confraría abriu as inscricións para aumentar o seu número de confrades, xa que ata o de agora, a confraría tiña 23 prazas, pero na última asemblea aprobouse aumentar o número, marcando ata as 33 persoas, pero abrindo a posibilidade de aumentar o número.
A institución foi creada hai máis dunha década e, desde entón, non houbo apenas cambios nos seus membros ata que, no 2019, unha praza bacante, permitiu a incorporación da primeira muller confrade. Agora, coa apertura a novos membros aumenta tamén a incorporación de mulleres confrades, reflexo da sociedade actual, como matizou o presidente da confraría.
Os requisitos imprescindibles para formar parte da Confraría do Viño son estar interesado ou interesada no mundo do viño e implicarse nas actividades que convoca esta organización. Ademais para poder presentarse as persoas interesadas deben contar con tres padriños que serán confrades en activo.
O acto formal de investidura, no que os novos confrades recibirán o sombreiro que forma parte da súa indumentaria tras prometer o seu novo cargo, levarase a cabo ás 12.00 horas na Casa da Cultura de Quiroga, tal e como confirman dende o organismo municipal.
Cos novos membros xa incorporados tras este xuramento oficial de aceptación, o vindeiro 13 de abril terá lugar o seu primeiro acto público no que, ataviados co seu traxe de gala, os confrades desfilarán ese día pola rúa Real anunciando a Feira do Viño de Quiroga de 2025. Este solemne acto, que presiden o Confrade Maior, o alcalde quirogués, e o presidente da Confraría, J. Manuel Rodríguez, forma parte dos prolegómenos da Feira do Viño de Quiroga dende o ano 2012, cando se fundou esta congregación.