A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil traballa para reducir o arrastre de augas en zonas afectadas polos incendios en Quiroga

RibeiraSacraXa
As actuacións céntranse na zona de Dominio Público Hidráulico e buscan evitar a degradación da calidade das augas
limpeza-rio-incendio-quiroga
25 Sep 2025

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, está a realizar traballos de restauración hidrolóxico-forestal nas zonas afectadas polos incendios do pasado mes de agosto.
As actuacións céntranse na zona de Dominio Público Hidráulico e buscan evitar a degradación da calidade das augas, priorizando especialmente as áreas próximas ás captacións de abastecemento, as zonas con risco de inundación e aquelas con especial protección ambiental.

Esta semana, unha brigada traballa no municipio de Quiroga para reducir os efectos da erosión e o transporte de chan fértil, ao mesmo tempo que se crean microhábitats que favorezan o desenvolvemento da vexetación futura e se diminúe a carga de sólidos cara aos leitos principais.

Segundo o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, as intervencións inclúen a instalación de fardos de ramas suxeitas con troncos queimados preto de cavorcos e regatos, así como a construción de pequenos muros de retención con madeira queimada e pedras. Estas medidas buscan frear o transporte de sedimentos, estabilizar o leito e as marxes e reducir a enerxía potencial da auga, diminuíndo o seu poder erosivo.

⚙ Configurar cookies
0.069141149520874