A Concellería de Turismo de Quiroga inicia unha campaña de promoción da XLIII Feira do Viño

A Concellería de Turismo do Concello de Quiroga está a promover a XLIII Feira do Viño de Quiroga a través dunha campaña de divulgación nas redes sociais, concretamente na súa conta de Instagram (@turismoquiroga).
Esta iniciativa ten como obxectivo dar visibilidade ás bodegas participantes na feira e atraer a un público máis amplo e variado.
O obxectivo desta campaña foi conseguir “unha imaxe fresca e desenfadada”, para o que creouse un collage de cada unha das bodegas participantes na feira, “o que permite mostrar a diversidade e a calidade dos viños da zona dunha maneira alegre e informal”, explican dende o Concello.
Este collage, publicado nas historias e no perfil de Instagram, busca captar a atención dos seguidores e fomentar a interacción con eles. O estilo do collage, sinalan, parte do cartel oficial de esta edición da feira, facendo que cada adega teña o seu propio curso do viño.
Ademais, como parte desta campaña, estase a levar a cabo un sorteo de botellas de viño de adegas de Quiroga entre as persoas que sigan a conta de Instagram da Concellería de turismo e teñan en conta unha serie de requisitos para facer efectiva a súa participación. Nos vindeiros días, a Concellería de Turismo tamén anunciará unha “sorpresa especial” para esta nova edición da Feira do Viño.
A XLIII Feira do Viño de Quiroga, segundo a área de Turismo, promete ser unha das citas máis destacadas do calendario quirogués, e a campaña de promoción desenvolvida na rede social Instagram busca reforzar o vínculo entre os viños de Quiroga, a veciñanza e os seus consumidores, nunha celebración que mestura tradición, cultura e a mellor gastronomía da comarca.