A Comunidade de Montes e Saberes reuniuse de novo en Pantón

O pasado 12 de maio tivo lugar en Pantón a presentación dos traballos realizados polo alumnado do Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela. Estes forman parte dun proxecto de Aprendizaxe/Servizo desenvolvido en colaboración coa Fundación Acción contra a Fame, dentro do programa Comunidades de Emprego e Empreendemento Rural Sostible de Galicia, cofinanciado polo Fondo Social Europeo Plus e Fundación MAPFRE.
O profesorado e alumnado vinculáronse con tres Comunidades de Montes do Concello de Pantón, onde se levaron a cabo diversas actuacións. O grupo de Paisaxe, acompañado do Dr. Emilio Carral, presentou unha proposta paisaxística para a Comunidade de Montes de San Andrés de Següín, incluíndo alternativas para mellorar accesos, sendeiros e áreas de lecer. Por outra banda, o alumnado de Enxeñaría Forestal e de Medio Rural, xunto coa Dra. M. Josefa Lombardero, expuxo unha análise fitosanitaria das Comunidades de Montes de Eiré, Següíz e San Pedro, valorando as masas forestais e o impacto das pragas locais.
A xornada rematou cun coloquio moi participativo, onde asistentes e estudantes resolveron dúbidas e debatiron sobre as propostas e problemáticas presentadas. Desde a organización agradecen a colaboración do Concello de Pantón e a implicación da USC e de todos os participantes.