A compañía Viraventos pechará o ciclo de teatro de Monforte coa súa obra “O boleto”

A Casa da Cultura Lois Pereiro de Monforte de Lemos será este sábado, 20 de decembro, ás 20.00 horas, o escenario da derradeira función do ciclo teatral programado polo Concello para o último trimestre de 2025. A cita chegará da man do grupo afeccionado local Viraventos, que levará a escena a obra “O boleto”, cunha representación aberta ao público e de acceso gratuíto.
Este espectáculo pon o broche final a unha ampla programación teatral impulsada polo Concello de Monforte no marco da Rede Galega de Teatros e Auditorios e dos Circuítos de Teatro Afeccionado e Profesional da Deputación de Lugo. Entre os meses de outubro e decembro, os escenarios do Edificio Multiusos e da Casa da Cultura acolleron un total de once montaxes, oito delas de compañías profesionais e tres de grupos afeccionados, cunha oferta repartida entre funcións para público familiar e propostas dirixidas a adultos.
A representación de “O boleto” inscríbese tamén dentro das actividades das Festas do Nadal 2025-2026 e aposta por unha combinación de humor e intriga. A obra sitúa a acción nunha pequena vila galega onde un grupo de veciños resulta agraciado cun premio histórico da lotaría. O que comeza como unha celebración colectiva convértese nunha situación chea de tensión tras a morte inesperada do custodio do boleto premiado, un feito que dá lugar a sospeitas, segredos e conflitos entre os personaxes. A historia desenvólvese nun tanatorio, escenario no que saen á luz ambicións ocultas e relacións máis complexas do que aparentaban.
A comedia, cargada de enredo e suspense, está escrita e dirixida por Candela López e Marcos Vázquez e conta cun amplo elenco no que participan, entre outros, Elena Arnaiz, Ángeles Bande, Juan Castro, José Ramón Cid, Fina Díaz, Manuela Fuentes, Teresa González, Ángeles Martínez, Antonio Martínez, Pury Conde, Pili Rodlos, Gonzalo Rodríguez, Josi Rodríguez e Marina Vidueira.