A compañía Ibuprofeno Teatro representará a súa obra Smoke on the water en Monforte
Este xoves, 26 de febreiro, ás 20:15 h o Edificio Multiusos de Monforte acollerá a obra Smoke on the water, unha actuación da compañía Ibuprofeno Teatro, dirixida por Santiago Cortegoso e interpretada por Josito Porto, Belén Constenla, Adrián Ríos, María Costas e Mon Orencio.
A obra Smoke on the water é espectáculo para público adulto, que mestura o humor negro coa crítica social. Trátase dunha traxicomedia sórdida con música en directo. Unha historia de sexo, drogas e rock and rol e, por suposto, de amor.
Sinopse
Ritchie (Blackmore) vive ancorado no Rock and roll dos 70, ten unha tenda de discos e vinilos de colección. Janis (Joplin) xa hai anos que non canta, estuda filosofía na universidade.
A súa unión sobrevive despois de case 25 anos de crise matrimonial permanente, formando un círculo vicioso enfermizo, un sistema de relacións de dependencia imposible de desenlear.
Este "status quo" absurdo, en continua combustión, vese ameazado pola aparición de Álex, un gigoló de ideoloxía vandálica e transgresora que se namora perdidamente de Janis, ao tempo que establece unha fonda amizade con Ritchie.
A intervención de Joan Baez, empregada de banca que xestiona a hipoteca de Ritchie, clienta de Álex, propicia un final pateticamente feliz ao enredo amoroso-financeiro entre este grupo de seres humanos fracasados, torpes, perdedores, frustrados, desgastados e maltratados pola vida, que provocan tenrura e compaixón.
Esta é a primeira das actividades que terán lugar no marco da programación da Rede Galega de Teatro e Auditorios do primeiro semestre de 2023 en Monforte de Lemos, entre as que destacan tamén as vindeiras postas en escenar de Fulano, Mengano e Citano; Olivas negras, Culturactiva, Redrum Teatro e Baobad Teatro.
As entradas costarán 5 € para o público xeral, e 3 € para nenos, estudantes, desempregados e xubilados e poderanse adquirir na taquilla do Edificio Multiusos.