A Rede Galega de Teatros e Auditorios achegará a Chandrexa de Queixa a obra ‘Running’, da compañía De Ste Xeito. A función terá lugar o vindeiro 19 de xullo ás 20:30 horas no Edificio Multiusos.
‘Running’ é unha comedia que reflicte con humor o ritmo frenético da vida actual. Os seus protagonistas, Xulia e Román, acaban de coñecerse e queren quedar, pero cadrar axendas entre fillos, ex, avós, traballo, redes sociais e mil obrigas convértese nunha auténtica carreira de obstáculos.
A través de só dous actores, que interpretan unha vintena de personaxes, a obra retrata a presión diaria por chegar a todo e propón, entre risas, unha reflexión: “¿queda espazo para o amor —e para un mesmo— nunha vida sempre a correr?”