A compañía Chévere Teatro leva a Monforte o seu espectáculo ‘Hellen Keller, a muller marabilla?’

Este xoves 4 de decembro ás 20:15 horas, o Edificio Multiúsos de Monforte será o escenario dunha representación teatral para público adulto organizada polo Concello de Monforte en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios. A función forma parte da programación de actividades arredor do 25-N, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e está coordinada pola Concellería de Muller e Igualdade a través do Centro de Información á Muller (CIM).
A obra, presentada pola compañía Chévere Teatro baixo a dirección de Xrom, leva por título ‘Hellen Keller, a muller marabilla?’. Nelas, as actrices Patricia de Lorenzo, Ángela Ibáñez e Chusa Pérez de Vallejo abordan a vida de Hellen Keller, a primeira persoa xordocega que conseguiu un título universitario en Harvard en 1904, tras superar enormes dificultades desde a súa infancia.
Con un prezo de entrada de 5 euros para o público xeral e tarifas reducidas de 3 euros para desempregados, xubilados e estudantes, a obra destácase polo seu carácter inclusivo: represéntase simultaneamente en lingua oral e lingua de signos, e conta con servizo de audiodescrición para persoas con discapacidade visual.
Ademais, as persoas xordocegas interesadas poden solicitar material de apoio previo á representación, e quen teñan discapacidade visual poderán participar nun paseo táctil polo escenario unha hora antes da función, onde poderán explorar a escenografía e vestiario guiados polas actrices.
Esta representación é parte da programación cultural organizada polo Concello de Monforte para o último trimestre do ano, en colaboración coa Rede Galega de Teatros e Auditorios e a Deputación Provincial de Lugo.