A Comisión contra a Violencia de Xénero cre necesario celebrar xuízos rápidos
A Audiencia Provincial de Lugo convocou unha reunión da Comisión de Coordinación contra a Violencia de Xénero, co obxectivo de mellorar a resposta institucional que se lles dá ás vítimas.
Ao encontro asistiron a presidenta en funcións da Audiencia Provincial, a xuíza decana, a secretaria coordinadora provincial, a xuíza titular, a Xuíza de Adscrición Territorial e a letrada da Administración de Xustiza do xulgado que leva os asuntos de violencia contra a muller no partido xudicial, o fiscal xefe de Lugo e representantes do Colexio de Avogados, da Garda Civil, da Policía Nacional, Local e Autonómica, da Subdelegación do Goberno, da delegación territorial da Xunta, do Concello, dos centros penais de Bonxe e Monterroso, do Imelga, da Oficina de Atención á Vítima e dunha asociación contra a violencia de xénero.
Os asistentes mostráronse de acordo na necesidade de tramitar gran parte dos casos de violencia de xénero para que sexan axuizados como xuízos rápidos. Desta forma, axilizaríanse os procedementos. Ademais, acordaron tentar reducir os tempos de espera das vítimas, dos menores e dos detidos cando se desprazan ao órgano xudicial para a práctica de dilixencias.
No encontro, entre outras cuestións, tamén abordaron a necesidade de que tanto a policía como a Garda Civil reitere ás vítimas que teñen dereito a atención psicolóxica fóra do horario da Oficina de Atención á Vítima. Ademais, expuxéronlle á Xunta que esas intervencións fóra de horario sexan presenciais -na actualidade son telefónicas- como sucede noutras cidades de Galicia. Outro dos asuntos que demandaron os asistentes ás administracións públicas foi a necesidade de incrementar o número dos cursos para condenados por violencia de xénero, doméstica e sexual, os cales están, en moitos casos, obrigados a realizar por resolucións xudiciais, pois na actualidade, a pesar da alta demanda, só son impartidos polo Servizo de Xestión de Pena