A comarca de Lemos contará con preto de 240 prazas nas escolas infantís da Xunta

O Punto de Atención á Infancia de Sober converterase, proximamente, nunha Escola Infantil, grazas a unha subvención da Xunta de Galicia, o que duplicará as prazas dispoñibles nas garderías da Xunta neste concello, que pasarán de 20 a 41.
En total, con este novo centro, a comarca de Lemos contará con 239 repartidas da seguinte maneira: 20 en Bóveda, 5 en Folgoso do Courel, 82 en Monforte, 20 en Pantón, 5 na Pobra do Brollón, 20 en Quiroga, 5 en Ribas de Sil, 41 no Saviñao e 41 en Sober tras comezar a operar a nova Escola Infantil.
Durante unha visita á gardería de Sober, os deputados do Grupo Popular Raquel Arias e José Manuel Mato salientaron ademais que a provincia de Lugo conta neste momento con case 3.500 prazas para nenos de 0 a 3 anos. Neste sentido, lembraron que o prazo de matrícula para acceder ás prazas ofertadas pola Xunta permanece aberto ata o vindeiro 4 de abril.
“Será o cuarto ano consecutivo no que todas as escolas infantís de Galicia son totalmente gratuítas, unha medida pioneira para a que a Xunta dedica máis de 65 millóns de euros este ano e que permite un aforro medio de case 3.000 euros por curso a cada familia”.
Reforzo da conciliación
“Galicia é co 60,5 por cento a comunidade autónoma coa maior taxa de escolarización en escolas infantís, superando xa amplamente o obxectivo da Unión Europea de chegar ao 45 por cento en 2030 e situándose 15 puntos por enriba da media de España”, manifestaron.
Así mesmo, puxeron en valor a aposta do Concello de Sober pola conciliación en colaboración coa Xunta de Galicia, que vén de financiar a posta en marcha dunha nova escola infantil neste municipio que permitirá duplicar o número de prazas para atender aos nenos entre 0 e 3 anos. Porén, lamentaron que outros concellos, como o de Monforte, rexeiten reiteradamente a axuda da Xunta para a creación de novas prazas en garderías, tal e como lle están a demandar as familias. Na actualidade, na comarca de Lemos existen 218 prazas en escolas infantís.
Así mesmo, os deputados populares afirmaron que a Xunta segue reforzando os servizos de conciliación en toda Galicia, con medidas como o Bono Concilia Familia, que na última convocatoria beneficiou a 15.000 familias; a Tarxeta Benvida, que concede ás familias unha axuda directa para facer fronte aos gastos orixinados polo nacemento dun bebé; ou as preto de 100 casas-niño espalladas por toda a xeografía galega e que permiten un recurso de conciliación en concellos sen escola infantil.