A CIG reclama melloras nas condicións laborais do persoal e na atención as usuarios de DomusVi Monforte

RibeiraSacraXa
Decenas de persoas manifestáronse este venres tras as denuncias sobre as malas condicións que se estarían dando no centro
mobilizacion-domusvi-monforte
15 Nov 2025

Este venres tivo lugar diante da residencia DomusVi de Monforte de Lemos unha concentración organizada pola CIG para reclamar melloras nas condicións laborais do persoal e unha atención adecuada ás persoas usuarias. Esta protesta chega tras as denuncias sobre as malas condicións que se estarían dando no centro, especialmente en aspectos como a alimentación e a hixiene.

Desde a Unión Local da CIG denuncian que “a dirección do centro está presionando e chamando ás traballadoras para que asinen un documento no que se afirma que as condicións na residencia son boas”.

A CIG-Servizos de Lugo-A Mariña pon o foco na escaseza de persoal nas residencias privadas en comparación coas públicas, o que provoca unha carga laboral excesiva para os traballadores, que en moitos casos non teñen cobertura das baixas. Tamén alertan do elevado número de baixas por problemas físicos e psicolóxicos relacionados co esforzo e a presión que sufren.

Outro dos puntos críticos é o convenio colectivo, que está caducado desde 2023 e establece condicións laborais e salariais moi inferiores ás do sector público, “cunha media de 5.000 euros menos ao ano para unha traballadora dun centro privado”, explica Xosé Paz da CIG-Servizos.

Ademais, a central sindical apunta directamente á Xunta de Galicia, pola súa responsabilidade no control das prestacións e na situación laboral que se vive nestes centros, e demanda inspeccións máis rigorosas e unha maior dotación de persoal para o control. Tamén reclaman que non se fagan públicas as datas das inspeccións para evitar que as empresas preparen o centro de forma artificial para aparentar cumprir os requisitos legais.

⚙ Configurar cookies
0.071352005004883