A CIG pide garantir os dereitos laborais do persoal do servizo de catamaráns da Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
Instan á Deputación de Lugo a que requira á concesionaria o cumprimento das condicións laborais e retributivas do persoal
rutas-fluviais-catamarans-ribeira-sacra-dep-lugo
13 Mar 2026

A CIG vén de solicitar formalmente á presidenta da Deputación de Lugo que requira á empresa TRAGSA o cumprimento das condicións laborais e retributivas do persoal que presta os servizos das rutas en catamarán polos ríos Miño e Sil, ante o inicio da nova campaña.

Segundo explica o secretario comarcal da CIG de Lugo-A Mariña, Lois Neto, os traballadores e traballadoras que operan as rutas fluviais nos encoros de Santo Estevo (Río Sil – Embarcadoiro de Ponte do Sil) e Os Peares (Río Miño – Embarcadoiro de Belesar Pobo) teñen recoñecido por sentenza xudicial o dereito a que se lles aplique o convenio colectivo de TRAGSA. Non obstante, a empresa continuou aplicando as condicións do Estatuto das Persoas Traballadoras, a pesar do carácter vinculante da resolución.

O xulgado do Social número 3 de Lugo recoñece este dereito en 2024, e foi ratificado pola Sala do Social do TSXG na sentenza xudicial nº 2884/2025, de 2 de xuño de 2025. Lois Neto denuncia que esta situación constitúe “nunha práctica claramente fraudulenta que só ten como obxectivo aforrar cartos e recortar os dereitos destes traballadores e traballadoras”, criticando especialmente que suceda nunha empresa pública.

Por este motivo, a CIG pide á Deputación de Lugo, como titular do contrato, que obrigue a TRAGSA a cumprir coa sentenza, aplicando íntegramente ao persoal das rutas fluviais de Santo Estevo e Os Peares o convenio colectivo da empresa, “con todos os dereitos laborais e retributivos que lle corresponden”, e que no inicio da campaña deste ano “se respecten a legalidade laboral e as resolucións xudiciais”.

0.12045001983643