A CIG pide a dimisión de Tomé á fronte da Alcaldía de Monforte

A representación da CIG no Concello de Monforte pide a dimisión do alcalde, José Tomé, tras ser acusado de presunto acoso sexual. Desde o sindicato consideran que a situación é insostíbel e sosteñen que “un Concello digno non pode estar encabezado por quen está baixo acusacións desta gravidade”, ao tempo que sinalan que garantir “un entorno laboral seguro e libre de acoso é incompatíbel” co escenario actual.
A central sindical trasladou publicamente o seu apoio ás mulleres que denunciaron estas situacións, así como a todas aquelas que puideran ser vítimas de agresións ou chantaxes. Neste senso, reclaman un respecto absoluto á súa confidencialidade e esixen que non se produzan filtracións, “nin insinuacións, nin cuestionamentos públicos sobre estas persoas”.
Desde a CIG reiteran o seu compromiso cun entorno de traballo seguro, respectuoso e libre de calquera forma de violencia machista, subliñando que “consideramos que este compromiso é incompatíbel coa permanencia no cargo dun alcalde acusado de acoso sexual”.
Así mesmo, a representación sindical advirte de que non permitirá que o persoal municipal “sexa utilizado con fins partidistas para branquear ou xustificar condutas machistas”. “O persoal do Concello de Monforte merece respecto e non debe ser instrumentalizado con fins políticos”, afirman.
Para rematar, a CIG reafirma o seu compromiso co servizo público, coa igualdade e co respecto, “valores fundamentais que deben guiar o funcionamento de calquera administración pública”.