A CIG mostra a súa preocupación polo IES Val do Asma de Chantada
Desde comezos deste curso, a comunidade educativa do IES Val do Asma de Chantada está pendente do futuro do centro, xa que recibiron información por parte de distintos cargos da Consellaría de Educación, sempre de xeito verbal e nunca por escrito, da posible transformación do centro nun Centro Integrado de Formación Profesional.
Diante desta información, o mércores 9 de marzo a CIG Ensino trasladou a súa preocupación polo futuro do centro na Xunta de Persoal Docente da provincia de Lugo que contou coa presenza de Carme Gueimunde, xefa territorial da Consellaría de Educación, ao mesmo tempo que o fixo tamén en Santiago de Compostela na mesa sectorial de educación, na que a CIG Ensino é a organización sindical maioritaria.
Mentres na Xunta de Persoal a Xefa territorial de educación da provincia de Lugo manifestaba non ter coñecemento da anterior información, como xa fixera no caso do posible peche do colexio de Baamonde e que finalmente se levou a cabo, na mesa sectorial de Santiago, Mira Lema, Secretario xeral de Educación e Formación Profesional, respondía á pregunta da CIG Ensino sobre o IES chantadino afirmando que non tiñan intención de convertelo nun centro integrado de FP, senón que o que pretendían era reorganizar as ensinanzas e manter o centro coma un IES, sen concretar se isto se podería facer xa o curso que vén ou non, xa que están pendentes dun informe da Secretaría Xeral Técnica.
A CIG mostra a súa preocupación e afirma que “a anterior información non augura nada bo, de feito pode ser a crónica dunha morte anunciada, é dicir, a crónica do peche dun centro, xa que o Val do Asma ten unha matrícula moi baixa en FP e a reorganización das ensinanzas non faría máis que reducir o número de alumnas e alumnos do centro facilitando que nun futuro a Consellaría de Educación continúe a mermar a calidade do ensino público co peche doutro centro”.
A CIG Ensino está en contra desta reorganización de ensinanzas que forma parte da política contra o ensino público que o goberno do Partido Popular na Xunta leva practicando desde o ano 2009 co peche de centros e redución de aulas e docentes, coa visión neoliberal de que a educación é un gasto e non un investimento. “Vemos como nos últimos anos reducen sen xustificación a oferta pública nas vilas e no medio rural mentres que nos ámbitos urbanos se aumentan as ratios nas aulas. E todo isto dun xeito unilateral sen consultar nin negociar coa comunidade educativa” conclúen.