A CIG-Ensino pide dotar ao CEIP de Sober do profesorado necesario

A CIG-Ensino pide dotar ao CEIP de Sober do profesorado necesario para desdobrar o agrupamento de 1º e 2º de Primaria que, segundo denuncian, supera as ratios establecidas pola normativa vixente. Segundo o sindicato, a Consellería de Educación “négase” a poñer fin a esta situación.
Dende o sindicato explican que trasladaron esta situación á Xunta de Persoal da provincia de Lugo xa en outubro de 2025, cando o agrupamento contaba con 15 alumnos, e xa superaba a ratio indicada. Ante esta situación, consideran que o grupo debería ser desdobrado para garantir unha atención educativa axeitada e as condicións de aprendizaxe do alumnado.
A resposta por parte da Xefatura de Inspección nese momento, explican, foi que “segundo a normativa vixente, pódese autorizar un incremento de até o 10 % da ratio por aula para atender incorporacións tardías en períodos de escolarización extraordinaria”, concluíndo que non procedía o desdobre.
Porén, denuncian, en decembro de 2025 producíronse novas incorporacións que fixeron que o grupo superase tamén ese límite do 10 %, polo que o desdobre pasou a ser obrigado. Ante esta situación, dende a CIG-Ensino mantivéronse nunha reunión presencial co inspector do centro, quen confirmou esta circunstancia e indicou que remitiría un informe á Xefatura de Inspección para o seu traslado a Recursos Humanos e a activación dos trámites necesarios.
Un mes despois, explican, en xaneiro de 2026, o centro seguía sen incorporar o docente necesario para efectuar o desdobre. A CIG-Ensino púxose en contacto coa Consellería de Educación para coñecer o estado da tramitación. Segundo denuncian, a resposta trasladada tras esta nova advertencia foi que mentres o centro funcionase ben non sería preciso o desdobramento. Unha resposta que dende a CIG consideran que “desvirtúa o cumprimento das ratios e a obriga de aplicar a normativa vixente, substituíndo un criterio obxectivo por unha valoración subxectiva do funcionamento do centro” e que demostraría que “a falta de desdobre no CEIP de Sober non responde nin á inexistencia de necesidade nin a impedimentos organizativos, senón á decisión da Consellería de non impulsar a tramitación que procede para adaptar os recursos do centro ás ratios establecidas”.
Por este motivo, esixen que se proceda con carácter urxente ao desdobre do agrupamento de 1º e 2º no CEIP de Sober, adoptando de inmediato as medidas de dotación e organización necesarias e garantindo unha atención educativa axeitada ao alumnado.