A CIG-Ensino mostra a súa preocupación polo futuro do IES Val do Asma de Chantada
Desde comezos deste curso, a comunidade educativa do IES Val do Asma de Chantada está pendente do futuro do centro, xa que recibiron información por parte de distintos cargos da Consellaría de Educación, sempre de xeito verbal e nunca por escrito, da posible transformación do centro nun Centro Integrado de Formación Profesional, concentrando as ensinanzas de FP no centro ao tempo que se traslada secundaria e bacharelato ao IES Lamas das Quendas
Diante desta información, o mércores 9 de marzo a CIG-Ensino trasladou a súa preocupación polo futuro do centro na Xunta de Persoal Docente da provincia de Lugo que contou coa presenza de Carme Gueimunde, xefa territorial da Consellaría de Educación, ao mesmo tempo que o fixo tamén en Santiago de Compostela na Mesa Sectorial de educación, na que a CIG Ensino é a organización sindical maioritaria.
Mentres na Xunta de Persoal a xefa territorial de Educación da provincia de Lugo manifestaba non ter coñecemento da anterior información, como xa fixera no caso do posible peche do colexio de Baamonde e que finalmente se levou a cabo, na Mesa Sectorial, José Luís Mira Lema, Secretario xeral de Educación e Formación Profesional, respondía á pregunta da CIG-Ensino sobre o IES chantadino afirmando que non tiñan intención de convertelo nun centro integrado de FP, senón que o que pretendían era reorganizar as ensinanzas e manter o centro coma un IES, sen concretar se isto se podería facer xa o curso que vén ou non, xa que están pendentes dun informe da Secretaría Xeral Técnica.
Morte anunciada
A anterior información non augura nada bo, de feito pode ser a crónica dunha morte anunciada, é dicir, a crónica do peche dun centro, xa que o Val do Asma ten unha matrícula moi baixa en FP e a reorganización das ensinanzas non faría máis que reducir o número de alumnas e alumnos do centro facilitando que nun futuro a Consellaría de Educación continúe a mermar a calidade do ensino público co peche doutro centro.
A CIG-Ensino está en contra desta reorganización de ensinanzas que forma parte da política contra o ensino público que o goberno do Partido Popular na Xunta leva practicando desde o ano 2009 co peche de centros e redución de aulas e docentes, coa visión neoliberal de que a educación é un gasto e non un investimento. Vemos como nos últimos anos reducen sen xustificación a oferta pública nas vilas e no medio rural mentres que nos ámbitos urbanos aumentan as ratios nas aulas. E todo isto dun xeito unilateral sen consultar nin negociar coa comunidade educativa.
Descoordinación e falta de criterio
Todo o relacionado coa prevista transformación da oferta educativa no concello de Chantada amosa, por outro lado, improvisación e falta de coordinación interna na Consellaría. Mentres no día de onte, 26 de abril, o director xeral de centros afirmaba que no que ao seu departamento se refería, os centros de Chantada ían seguir como na actualidade, nunha nova reunión da Mesa Sectorial de hoxe, o secretario xeral da Consellaría afirmou ser “o único que pode falar con propiedade do tema” e afirmou que “cando se fagan as obras pertinentes, o IES Val do Asma quedará só como centro de formación profesional, agrupándose todo o alumnado da ESO e o Bacharelato no IES Lamas da Quendas.
A CIG-Ensino exíxelle ao conselleiro de Educación, como máximo responsábel, que informe con carácter inmediato á comunidade educativa de Chantada sobre o futuro dos centros de secundaria do concello. O sindicato considera que, á vista da baixa demanda de FP, a intención final é deixar “morrer” o Val do Asma, reducindo a calidade da oferta educativa e demanda das diferentes administracións que se sumen a exixir o mantemento da situación actual nos centros.