A CIG convoca unha mobilización o 15 de novembro en Monforte ante as denuncias pola situación na residencia DomusVi

RibeiraSacraXa
Esixen á Xunta a avaliar e actuar de inmediato na residencia de Monforte para garantir condicións dignas para as persoas usuarias
convocatoria-cig-domus-vi-monforte
8 Nov 2025

Diante das denuncias que están a saír á luz sobre a situación que se está a vivir na residencia DomusVi de Monforte, a Unión Local da CIG chama á cidadanía a participar nunha concentración convocada o próximo venres 14 de Novembro, ás 11:00 horas diante das instalacións.

A CIG esixe á Consellaría de Política Social “a realizar o labor inspector preceptivo e actuar de inmediato para garantir unha atención de calidade e en condicións dignas para as 180 persoas que viven neste centro”. Ademais, solicitan “que se reavalúe o grao de autonomía das persoas usuarias para valorar se o cadro de persoal actual se axusta ás ratios estabelecidas por lei”. Neste senso, explican que “contar co número de traballadoras e traballadores adecuados ás necesidades das persoas usuarias é o único xeito de prestar unha atención decente e en condicións hixiénico-sanitarias seguras”.

Dende a unión local da CIG advirten da gravidade da situación, polo que tamén pedirán á Corporación municipal que poñan en marcha “todas as iniciativas que estean na súa man para instar a empresa a cumprir coa normativa en servizos sociais e a Xunta de Galiza a que exerza as súas competencias inspectoras”.

“Non se pode tolerar que unha empresa se enriqueza a conta de maltratar ás persoas maiores e dependentes e de explotar as persoas traballadoras, menos aínda cando a maioría das prazas son concertadas, é dicir, están financiadas con cartos públicos”, sinalan. Dende a unión sindical lembran que a Consellaría de Política Social ten plenas competencias nesta materia, polo que consideran que é obriga deste organismo “actuar coa máxima dilixencia para garantir a calidade e a dignidade nos coidados e obrigar a empresa a corrixir todas as deficiencias”.

“Os servizos sociais non son unha mercadoría, son un dos piares do chamado estado de benestar. As políticas de privatización e a falta dunha rede 100% pública de centros e servizos que cubran as necesidades converten os coidados nun negocio moi lucrativo para fondos de investimento e empresas sen escrúpulos como DomusVi, que gañan beneficios millonarios a conta de recortar a calidade asistencial e os dereitos laborais”, denuncian.

Sobre esta última cuestión, lembran que as traballadoras do sector levan meses mobilizándose e facendo folgas para desbloquear a negociación do convenio colectivo, que a patronal, con DomusVi á cabeza, ten paralizada dende hai máis dun ano. Ademais, explican que a última proposta do empresariado foi rexeitada pola asemblea do persoal, ao entender que “suporía consolidar a precariedade e a pobreza ao deixar os soldos por debaixo do SMI, non introducir ningunha mellora nas coberturas das baixas, non avanzar nos dereitos sociais e non avanzar tampouco na redución da xornada laboral”.

Unhas condicións coas que, aseguran, “non é de estrañar que a patronal teña dificultades para atopar persoal que queira traballar nun sector esencial e que, polas propias condicións demográficas de Galiza, debería ser un motor na creación de emprego digno e estábel”. Por iso, “fronte á explotación e a precariedade”, advirten, “as traballadoras continuarán na súa loita até lograr un convenio digno e con dereitos”.

⚙ Configurar cookies
0.071293115615845