A CIG convoca unha concentración en Monforte polo Día da Clase Obreira Galega

RibeiraSacraXa
Será este martes, 10 de marzo, e busca honrar a memoria dos traballadores Amador Rei e Daniel Niebla, asasinados pola policía franquista en Ferrol no ano 1972
cig-monforte-convocatoria-dia-clase-obreira
8 Mar 2026

A Praza de España de Monforte de Lemos acollerá este martes 10 de marzo, ás 20:00 horas, unha concentración con motivo do Día da Clase Obreira Galega, unha xornada de lembranza e reivindicación da loita da clase traballadora en Galicia.

A convocatoria busca honrar a memoria dos traballadores Amador Rei e Daniel Niebla, asasinados pola policía franquista en Ferrol no ano 1972 durante as mobilizacións obreiras, un feito que marcou a historia do movemento obreiro galego e que deu lugar á conmemoración desta data.

Ao mesmo tempo, a concentración pretende poñer o foco na situación actual da clase traballadora, marcada pola precariedade laboral, os baixos salarios, o aumento do custo da vida e as dificultades para que moitas persoas, especialmente a mocidade, poidan desenvolver un proxecto de vida digno na súa propia terra.

Desde a organización fan un chamamento á cidadanía para participar nesta xornada de memoria e reivindicación, coa intención de defender o traballo digno, os dereitos laborais e promover un futuro con máis xustiza social para Galicia.
A concentración desenvolverase o luns 10 de marzo ás 20:00 horas na Praza de España de Monforte de Lemos, e está aberta á participación da veciñanza da comarca.

0.11598014831543