A CHMS refirma o seu compromiso por protexer a Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
A CHMS refirma o seu compromiso por protexer a Ribeira Sacra e farán traballos para evitar a súa degradación
rio sil catamaran ribeira sacra
10 Xul 2023

O presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), José Antonio Quiroga, anunciou que están a avanzar na procura de solucións que eviten a degradación da Ribeira Sacra.

Neste sentido, foi rubricado o contrato coa empresa Mario Crecente e Asociados Consultores, á que se lle encarga o traballo de elaborar un Plan que conteña as pautas de planificación e ordenación da navegación e a atracada, co obxectivo de evitar a deterioración do DPH e dos ecosistemas asociados e que establecerá un marco de gozar do río baixo un modelo de navegación non invasivo e sostible.

O presidente da CHMS ditou en decembro unha suspensión temporal das autorizacións administrativas na contorna dos ríos Miño e Sil, co ánimo de articular, entre as distintas administracións e sen dilación, alternativas e solucións que permitan potenciar un turismo de calidade nunha zona singular de Galicia que conta co río como eixo principal.

Estudo da problemática

“Actualmente, existe un número importante de infraestruturas sobre o río e un volume peticións que se incrementa cada día, o que perturba a paisaxe natural orixinal, o que fai imprescindible a relación dun estudo da problemática e as solucións para ter en conta para racionalizar e harmonizar territorio e desenvolvemento sostible” matizou o presidente.

Así, sostivo que se constituirá unha mesa de traballo “na que estarán representadas as administracións Estatal e Autonómica con competencias no territorio, co interese de avanzar con celeridade no deseño de necesidades e solucións para esta zona protexida, de referencia a nivel mundial, na que o turismo constitúe un recurso económico fundamental” explicou Quiroga.

“O obxectivo final é harmonizar o uso sostible do río co valor paisaxístico e patrimonial da Ribeira Sacra, imprescindible para unha nova candidatura a Patrimonio da Humanidade”, concluíu o presidente.

0.18179392814636