A CHMS recorrerá a sanción da Xunta pola morte de 40 troitas durante as obras no río Cabe

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, anunciou que interporá un Recurso Contencioso-Administrativo contra a resolución da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, que impón unha sanción de 6.000 euros de multa e 661,36 euros de indemnización por supostos incumprimentos nas condicións de autorización das obras de recuperación ambiental do río Cabe, en Monforte de Lemos.
O expediente sancionador fai referencia á morte de 40 troitas durante a execución do proxecto de demolición da presa da Pinguela, en agosto de 2022, cando se rexistraron temperaturas extremas superiores aos 40 ºC. A CHMS asegura que os traballos foron autorizados pola Xunta e supervisados en todo momento polos seus axentes medioambientais.
“Durante os traballos apareceron peixes mortos e avisouse de inmediato á Xunta para tomar medidas urxentes e evacuar os exemplares que permanecían nas charcas”, explicou o presidente do Organismo, José Antonio Quiroga.
O proxecto contemplaba o desvío do caudal do río mediante canalizacións provisionais para facilitar a demolición da presa. Estas actuacións incluíron a implementación dun caudal de refresco desde a represa co obxectivo de minimizar o impacto sobre a fauna piscícola. Segundo a CHMS, un axente medioambiental da Xunta supervisou e aprobou estas medidas in situ.
“Todos os traballos para a retirada dos peixes realizáronse baixo a supervisión dos axentes ambientais e da dirección facultativa da obra. O Servizo de Patrimonio Natural estivo informado en todo momento sobre a evolución dos traballos”, engadiu Quiroga.
A CHMS considera que a resolución sancionadora é inxusta e carece de xustificación técnica. “A Xunta impón unha sanción baseada na aparición de peixes mortos, pero sen indicar a causa concreta do incumprimento da autorización, nin valorar as condicións extremas de temperatura nin as accións correctoras adoptadas”, sinalou o presidente.
Ademais, lamente que a Xunta denegase unha proba testifical solicitada pola CHMS para aclarar as circunstancias exactas da mortalidade dos peixes, sen especificar se foi causada pola turbidez da auga, falta de osíxeno ou outros factores ambientais.
“Desde a CHMS actuamos conforme aos informes dispoñibles e con total transparencia. Por iso, agardamos que o Recurso Contencioso-Administrativo se resolva de forma favorable para este Organismo”, concluíu Quiroga.